A Fundación CITIC e o Colexio de Avogados da Coruña impulsarán a innovación tecnolóxica no ámbito xurídico
martes, 7 de outubro do 2025
A Fundación Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións de Galicia (Fundación CITIC) e o Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña (ICACOR) asinaron este martes 7 de outubro un acordo de colaboración co obxectivo de fortalecer os lazos entre os sectores xurídico e tecnolóxico, promovendo a investigación, o desenvolvemento e a innovación (I+D+i) no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións.
Antonio Rojo Álvarez, director xerente da Fundación CITIC de Galicia, e Augusto Pérez Cepeda-Vila, decano do ICACOR, foron os encargados de formalizar o acordo, nun acto no que tamén estiveron presentes Manuel G. Penedo, director do CITIC, e Vera Iglesias en representación da Fundación CITIC.
Este acordo establece un marco de cooperación que permitirá desenvolver iniciativas conxuntas orientadas á formación, á transferencia de coñecemento e ao asesoramento mutuo entre ambas institucións.
Segundo explicaron as dúas entidades, “a colaboración concretarase en accións como a participación en proxectos de investigación, a organización de actividades formativas, o intercambio temporal de profesionais e o desenvolvemento de programas conxuntos en materia de innovación tecnolóxica aplicada ao sector xurídico”.
Como unha das primeiras accións no marco deste acordo, o ICACOR participará no Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC da Universidade da Coruña, coa entrega dun premio ao traballo máis relevante no ámbito ético-xurídico, fomentando así a conexión entre a investigación académica e as necesidades reais do exercicio profesional do Dereito na era dixital.
“Este convenio representa unha oportunidade valiosa para achegar o mundo xurídico ao tecnolóxico e para explorar novas vías de innovación, formación e transferencia de coñecemento. Cremos firmemente no poder da colaboración interdisciplinar e estamos convencidos de que este acordo será o inicio de proxectos enriquecedores para ambas entidades e para a sociedade galega no seu conxunto”, afirmou Antonio Rojo Álvarez, director xerente da Fundación CITIC.
Pola súa banda, Augusto Pérez Cepeda-Vila, decano do ICACOR, destacou que “este acordo responde á necesidade de impulsar o uso axeitado das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións no exercicio profesional da avogacía. A colaboración coa Fundación CITIC permitiranos estar á vangarda da innovación tecnolóxica aplicada ao ámbito xurídico e ofrecer aos nosos colexiados formación especializada neste eido estratéxico”.
O acordo terá unha vixencia inicial de tres anos, con posibilidade de renovación, e permitirá desenvolver novas liñas de colaboración que impulsen a transformación dixital e a innovación en Galicia.
