A Fundación Carlos Casares convoca un concurso para crear un videoxogo sobre a obra do escritor

xoves, 19 de novembro do 2020 Fernando Sarasketa

A Fundación Carlos Casares está a pescudar esta tempada no que pode ser unha frutífera confluencia: o terreo onde se tocan a literatura, por unha banda, e o lecer interactivo, pola outra. Con este motivo organizou os pasados 11 e 12 de setembro a segunda edición das Xornadas Videoxogo e Literatura. Unha mirada transversal, nas que se analizaron as perspectivas do sector dos videoxogos na nosa terra e as súas posíbeis sinerxías co sector cultural, facendo especial fincapé no que poden achegar as nosas escritores e escritores. Amais, impartíronse faladoiros especializados e mostras virtuais e físicas da historia do videoxogo, no MARCO de Vigo. Ao abeiro desta actividade e a xeito de colofón vénse de convocar un concurso para crear un videoxogo sobre a obra de Carlos Casares.
O obxectivo deste reto colectivo: apoiar a creación de contidos culturais que mesturen as facetas do videoxogo, as disciplinas artísticas e mais a literatura, e facelo cunha competición con formato de game jam. Esta actividade recibe apoio da Deputación de Pontevedra e do Concello de Xinzo de Limia.
Para a creación das propostas que concorran no certame artellaranse equipos de ata tres persoas maiores de 18 anos, e nun prazo fixado de días, en decembro (do 1 ao 4), traballarán cun tema concreto que estea relacionado coa obra de Carlos Casares e que só se revelará no momento en que empece o período de desenvolvemento dos videoxogos. Establécese un premio de 500€ para o equipo gañador e de 300 € para o segundo equipo clasificado. O prazo para as inscricións comezou o día 17 de novembro e remata o mesmo día 4 de decembro. O evento está aberto á participación internacional, aínda que polo menos un dos integrantes dos equipos que se presenten teña residencia en España, e o videoxogo debe realizarse en lingua galega.
As bases dos concursos poden visitarse nas web das ditas Xornadas de Videoxogo e Literatura e na da Fundación Carlos Casares.

PUBLICIDADE