A Fundación Galicia Europa preséntalles ás nosas PEME a plataforma dixital Toolbox

luns, 15 de outubro do 2012 Redacción

Os chanzos que levan ás nosas empresas ao exterior son reais, físicos, pero tamén dixitais. Ademais, ás veces o camiño é mellor facelo de xeito conxunto, con outras empresas achegando cadanseu potencial para sumar esforzos. Isto é aplicábel a tódolos sectores, pero se cadra ten máis vixencia aínda no caso das pequenas e medianas empresas envorcadas na I+D. Co fin de asegurar o éxito fóra da nosa terra das nosas PEME eco-innovadoras, a Fundación Galicia Europa participou no desenvolvemento dunha plataforma dixital. Así o lembrou este luns o director de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, que debullou os múltiples detalles de Toolbox, plataforma de prestación de servizos transnacionais no eido da eco-innovación e do eco-emprendemento.
Durante a xuntanza da Fundación cos representantes das nosas PEME da vangarda produtiva, puxéronse en común os resultados dos diversos procesos de testaxes realizados á ferramenta dixital por diversas entidades dos sectores agrícola, medio ambientais, innovación, tecnoloxía, consultoras, expertos en eco innovación e entidades que agrupan a empresarios, profesionais dos sectores do medio ambiente e a innovación, e que serán os futuros destinatarios destes servizos.
Esta plataforma Toolbox enmarcase no proxecto Eco-Innova que pretende acometer a creación de ecosistemas empresariais a través da innovación así como favorecer a internacionalización das pemes dentro do marco ambiental. Toolbox proporcionará servizos transnacionais e de pulo da eco-innovación e do eco-emprendemento.
Despois de que todos os socios do proxecto acometan estas reunións de carácter multisectorial coa finalidade de adaptar o uso desta plataforma ás necesidades reais do programa está previsto que a devandita Toolbox esté plenamente operativa a finais deste ano.
Proxecto Eco-Innova
Eco-innova é un Proxecto Europeo Transnacional, aprobado ao abeiro do programa Interreg IV B - Espazo Atlántico 2007-2013 encadrado no eixo 1 Promover o espírito empresarial a escala transnacional e as redes de innovación do obxectivo 1.3 Estimular a conversión e a diversificación económica promovendo o potencial rexional endóxeno.
No programa Eco-Innova participan seis institucións de catro rexións comunitarias: Galicia (España), Norte de Portugal (Portugal), Aquitania (Francia) e Gales (Reino Unido). O proxecto desenvolverase ata o 2013.

PUBLICIDADE