A Fundación Galicia Europa renova a súa páxina web

luns, 8 de agosto do 2022 S. P.

A Fundación Galicia Europa (FGE) vén de renovar a súa páxina web para “ofrecer unha mellor información sobre as políticas europeas e a participación de Galicia nos asuntos comunitarios”. A entidade pretende deste xeito poñer en valor as súas tres décadas de experiencia na capital comunitaria para mostrar polo miúdo a actividade da UE “dende un punto de vista galego”, poñendo o foco nas novas iniciativas lexislativas e políticas que propón a Comisión Europea.
A web da FGE tamén dá a coñecer as diferentes canles utilizadas para a defensa dos intereses de Galicia na UE: dende a participación no Comité Europeo das Rexións ou o Consello ata as visitas institucionais, pasando pola participación en redes de cooperación rexional ou en foros de ámbito europeo. Así, o novo portal conta cun apartado de actualidade no que se recollen novas sobre a Unión Europea, sobre Galicia na UE, sobre as actividades da FGE e sobre EuroXuventude, a canle dirixida á xente nova galega.
Ademais aparecen seccións novas como Análise FGE, un apartado con informes sobre os temas máis importantes a debate na UE dende unha perspectiva galega, ou Axenda, que compila os actos pasados e futuros sobre a participación galega nos asuntos comunitarios así como os grandes eventos de ámbito europeo.
Outra nova sección recolle todos os boletíns mensuais da FGE, que fan unha escolma das novas, eventos, consultas públicas e convocatorias de financiamento máis relevantes dende o punto de vista galego. A web continúa cunha sección específica sobre as posibilidades de financiamento comunitario, na que se pode consultar a nova Guía 2021-2027 que dá unha visión xeral das distintas fontes dispoñibles así como recomendacións sobre como acceder a elas.

PUBLICIDADE