A Fundación Galicia Innova fomenta a empregabilidade nas nosas cidades pola vía das TIC

xoves, 5 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

As nosas cidades (Lugo, Ferrol, Santiago e Vigo) a Fundación Galicia Innova queren tirar proveito das novas ferramentas de comunicación, formación e información para mellorar a empregabilidade da xente nova. Isto estase a traducir en iniciativas como a presentada onte no consistorio ferrolán, da man da concelleira de Benestar Social, Muller, Igualdade e Mocidade, Saínza Ruiz, e de Marta Boedo, da Fundación Galicia Innova. Trátase dun programa de formación e acompañamento para favorecer a inserción laboral xuvenil, o programa PROEMGA 2, en palabras de Ruiz e Boedo “unha oportunidade de balde para que 20 mozas e mozas do municipio melloren as súas oportunidades”. O programa, que é de balde, consta de catro fases de capacitación. Boa parte dos seus contidos apóianse nas TIC (deseño de solucións, comunicación e mercadotecnia dixital, profesionais 2.0).
A segunda edición do programa PROEMGA vaise desenvolver a un tempo en Lugo, Ferrol, Santiago e Vigo. O obxectivo xeral da iniciativa (aplicábel a todas as ditas urbes), é “o de mellorar a inclusión ao mercado laboral de 80 mozos menores de 30 anos destas, arredor de 20 alumnos por cada concello, que non se atopan empregados nin participan nos sistemas de educación ou formación e que estean rexistrados no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil”, sinalaron Ruiz e Boedo, engadindo este mesmo programa “xa veu funcionando con boa acollida e excelentes resultados no ano 2016, con 56,14% de empregabilidade entre os participantes”.
Os programas comezarán coa fase de motivación a finais do mes de outubro, mediante unha xornada por localidade, de 4 horas de duración, onde se guiará ás persoas asistentes en reforzar aspectos persoais como a confianza ou a motivación para afrontar novos retos, de maneira complementaria cunha introdución ás metodoloxías para a identificación de oportunidades emprendedoras. A principios do mes de novembro comezaría a fase de formación grupal presencial en cada unha das localidades cuxa duración será de 40 horas a desenvolver en 7 días, cuxo temario será o seguinte: Habilidades (6 horas), Deseño de Servizos e Solucións (6h), Modelo de negocio (6h), Comunicación e Mercadotecnia Dixital (6h), Plan de Negocio (12h) e O Profesional 2.0 (4h).
Unha vez finalizada esta fase comezaríanse coas titorías individualizadas que se compoñen de 8 horas presenciais e 8 horas online por alumno, onde os titores complementarán a actividade docente grupal reforzando o vínculo titor-estudante.
Por último, a partir do mes de xaneiro de 2018, comezará a fase de mentoring, composta por unha fase de asesoramento en liña e outra presencial.

PUBLICIDADE