A Fundación Smart concede 207.100 euros en axudas para o equipamento TIC dos centros educativos

martes, 23 de abril do 2013 Fernando Sarasketa

Para os docentes e colexios que anden á procura de financiamentos para a renovación dos seus equipamentos tecnolóxicos, informarlles que a Fundación Aula Smart ofrece ata o vindeiro 30 de xuño (remate do prazo de solicitude) un interesante feixe de axudas. Máis polo miúdo, un total de 207.100 euros a disposición dos centros educativos, dos docentes e das asociacións de mestres e de nais e pais de alumnos. O seu obxectivo é facer máis doada a adquisición de equipamento TIC, unha etiqueta que abrangue á súa vez as seguintes etiquetas de aparellos e servizos: encerados interactivos, videoproxectores e aulas dixitais.
En total, estamos a falar de 100 unidades de cada equipo, sendo 10, finalmente, os tipos de equipo dispoñibles. Cada solicitante pode acceder a máis dunha unidade. A concesión, informa Smart, será por rigorosa orde de entrega da solicitude.
A devandita fundación, unha entidade sen arela de lucro posta en marcha co obxectivo de afianzar as TIC nas aulas estatais, concede cada certo tempo axudas para que os centros e profesores poidan acceder ao equipamento tecnolóxico preciso para o exercicio docente, procurándose que a tramitación sexa sinxela (cómpre enviar o formulario dispoñible na web de seu). Polo que respecta aos diferentes equipamentos dispoñibles, dicir que os encerados interactivos que se ofrecen son tres: os modelos 640, 660 e 680 de Smart Board. Os servizos de aula dixital son cinco (Soporte Proxector Lente Curta, PANASONIC PT-TW230E, Instalación Aula Interactiva, Sistema Audio SMART Board e SMART Board 680) e os proxectores tres (PANASONIC PT-LX26HE, PANASONIC PT-CX200E e PANASONIC PT-TW230E).