A Fundación TIC apoia a Semana de Cinema de Autor de Lugo

luns, 18 de setembro do 2017 Redacción

Hoxe comeza a 39 edición da Semana Internacional de Cinema de Autor de Lugo, da man do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá. Durante o seu transcurso proxectaranse longametraxes de 65 países de todo o mundo en diferentes emprazamentos da cidade da Muralla. A cita, que se desenvolverá até o 23 deste mes, conta co apoio da Fundación TIC da Deputación de Lugo. De feito, a entidade provincial que preside Dario Campos é o principal patrocinador deste histórico e senlleiro (con 39 edicións ás súas costas) acontecemento audiovisual, fornecendo unha achega de 35.000 euros.
Polo que respecta ao labor da Fundación TIC, elaborou un vídeo de promoción para difundir o festival por toda a provincia, na web de seu e máis nas principais redes sociais. Pola súa parte, o Concello de Lugo colabora con outros 18.000 euros.
A edición 39 do certame, na que se homenaxe no aniversario do seu falecemento ao mindoniense Victoriano López García (fundador e director do Instituto de investigacións e experiencias cinematográficas, e primeiro lucense en gañar un Premio Goya), dará acubillo a 93 filmes para proxectar. As películas exhibiranse na Biblioteca Municipal, no Museo Provincial, no MIHL, no Vicerreitorado da Universidade (Casa do Saber), no Vello Cárcere e no Pazo de San Marcos da Deputación de Lugo. A entrada a todas elas será de balde, agás no caso das cintas do Auditorio Gustavo Freire, que terán un prezo de entre 3 e 5 euros, dependendo do ciclo.

PUBLICIDADE