A Fundación TIC brinda a súa colaboración á noite aberta do comercio de Lugo

xoves, 20 de setembro do 2018 Redacción

A Fundación TIC vai brindar novamente o seu apoio á Noite Aberta 2018, a edición novena do evento lucense para a promoción e impulso do comercio local, impulsada pola Asociación de Autónomas coa colaboración da Deputación e o Concello. Hoxe precisamente foi presentada nos seus detalles, no pazo de San Marcos, a nova entrega do acontecemento, previsto para 28 de setembro e no que se prevé a participación dun centenar de establecementos. Segundo fixo saber o voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos, a Fundación TIC desenvolverá un importante labor de divulgación da festa, tanto a pé de rúa como na Rede e nas redes sociais.
O voceiro do Goberno engadiu que “queremos contribuír á difusión desta cita, para que cada vez máis visitantes e veciños se acheguen a participar da mesma”. Así, a través da TIC gravarase e producirase un vídeo da Noite Aberta, sendo o encargado de facelo o alumnado de Realización do 2º Curso da Escola de Imaxe e Son (EIS). Segundo explicou, “trátase da primeira das numerosas prácticas en escenarios reais que o alumnado da TIC levará a cabo ao longo deste curso”. Santos tamén fixo saber que outro equipo da entidade encargarase dunha reportaxe do evento para a súa difusión a través de Internet”.
Na cita de hoxe, amais de Santos Ramos, tamén participaron a concelleira de Economía, Ana Prieto Nieto, a presidenta da Asociación de Autónomas de Lugo, Marta López Yáñez, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas López.
En primeiro lugar, encargáronse de explicar en que consiste a Noite Aberta: un acontecemento multitudinario onde a cidadanía poderá gozar de promocións, cátering e música da man dos locais comerciantes participantes. Como novidade este ano á xa consolidada Noite Aberta súmase, para as tendas asociadas, a Semana do Comercio.
Difusión e promoción a través da Fundación TIC
Como dixemos, as alumnas e alumnos de Realización do segundo Curso da Escola de Imaxe e Son (EIS) gravarán o vindeiro venres 28 de setembro a Noite Aberta, que organiza a Asociación de Autónomas de Lugo.
Os estudantes da EIS, baixo a supervisión de docentes e técnicos da TIC, filmarán e fotografarán o desfile de moda. O equipo realizará a gravación con catro cámaras, e posproducirán un vídeo coas imaxes. Segundo informa a Deputación de Lugo, trátase da primeira das numerosas prácticas en escenarios reais que o alumnado da TIC levará a cabo ao longo deste curso, dentro dos módulos de realización de Televisión e de Montaxe e Posprodución. Ademais, un equipo da TIC realizará unha reportaxe da festa do comercio lucense para a súa difusión a través de Internet.
A Fundación TIC comprométese coas iniciativas que promoven a actividade comercial e aos autónomos da provincia. A colaboración que mantén coa organización da Noite Aberta súmase á da Feira Outlet e o Mercado na Rúa Street Market, ao abeiro do convenio asinado coa Asociación de Autónomas, Empresarias e Profesionais de Lugo.

PUBLICIDADE