A Fundación TIC colabora con XuvenCiencia

xoves, 27 de abril do 2017 Redacción

Este xoves presentouse en Lugo, no Campus Terra da Universidade de Santiago, a quinta edición de XuvenCiencia, un programa estival organizado polo profesorado do Campus lucense en colaboración coa Vicerreitoría de Coordinación, sendo o seu obxectivo “espertar a vocación científica do alumnado preuniversitario de toda Galicia”. Na presentación da iniciativa, que se celebrará do 2 ao 8 de xullo, fíxose saber que se fornecen 135 prazas e que as inscricións pódese facer a partir das 16.00 horas deste venres 28 abril, a través da páxina web de Xuvenciencia. Na cita de hoxe participaron o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do Campus de Lugo, Andrés Barreiro Lois, e máis o responsábel de Turismo da Deputación, Eduardo Vidal Baamonde. Entre outras cousas fixeron saber que o proxecto abrangue máis de 100 eventos e está avalado pola participación duns 146 docentes da USC e outro persoal de apoio. Entre os espazos que se converterán en obradoiros para os participantes atópase a Fundación TIC da Deputación, que amosará aos estudantes como facer vídeos para YouTube, entre outras cousas. Tamén haberá un achegamento directos á robótica, entre outros moitos contidos
No acto tamén participou a profesora da USC e coordinadora do campus de verán XuvenCiencia Lugo, Mercedes Novo Rodríguez; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; e Carlota López Pardo, en representación da empresa patrocinadora Aresa.
Segundo engadiron, as actividades acubilladas no programa van dirixidas a alumnado preuniversitario de cuarto de ESO e Bacharelato e desenvólvese baixo o lema Aprendendo desde a experiencia. Un dos seus obxectivos básicos, amais de fomentar as vocacións científicas, investigadoras e tecnolóxicas, é dar a coñecer á mocidade preuniversitaria os distintos itinerarios formativos que poden cursan nas seis facultades e escolas do Campus de Lugo, así como nos dous centros adscritos (Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermaría).
O V Campus de Verán XuvenCiencia iniciarase coa celebración dunha charla divulgativa a cargo do físico Cibrán Santamarina, quen fixo o seu doutoramento no CERN, onde sigue a colaborar na actualidade, co título Elemental, querido Schrödinger. Santamarina traballa no departamento de Física de Partículas da USC.
As actividades desenvolveranse en quenda de mañá e tarde, en horario de 9.30 a 20.30 horas, nas devanditas facultades e escolas do Campus.
As visitas aos distintos laboratorios de investigación e servizos do Campus Terra e a centros e empresas colaboradoras (Fundación TIC, Aula de Produtos Lácteos, Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, Museo Provincial, Domus do Mitreo, AMSlab, Xenética Fontao, Hospital Universitario Lucus Augusti, Castro de Viladonga, Parque Eólico Experimental Sotavento), e a realización de actividades prácticas e de obradoiros relacionados coas titulacións científicas, técnicas e sociais do Campus Terra centran as accións previstas en quenda de mañá.
Polas tardes, o alumnado desenvolverá, baixo a tutela do profesorado universitario, distintos proxectos científicos ou técnicos a elixir entre 26 propostas.

PUBLICIDADE