A Fundación TIC inmortaliza a Queima das Fachas de Castelo

luns, 12 de febreiro do 2018 Redacción

O patrón da Fundación TIC e deputado de Relacións Institucionais (Deputación de Lugo), Álvaro Santos, presentou este sábado o primeiro documental sobre A Queima das Fachas de Castelo nun acto celebrado no local social desta parroquia de Taboada e acompañado polo presidente da Asociación Cultural A Fachas, Manuel Fidalgo. Nesta cita coa veciñanza de Santa María de Castelo, Santos salientou o importante papel despregado polas xentes da localidade a prol da permanencia e promoción da dita festividade, ao tempo que puxo o foco sobre o principal obxectivo da Fundación TIC apoiando a festividade: “Queremos contribuír a manter viva unha tradición ancestral e das máis singulares de Galicia, unha iniciativa que se remonta á época castrexa e que nos fai sentir orgullosos da nosa cultura e das nosas orixes”. O documental que inmortaliza a Queima das Fachas, que será promovido nunha chea de canles tecnolóxicas (redes sociais, webs propias da Deputación), foi feito polo alumnado e os profesores da Fundación TIC.
A peza audiovisual, de 15 minutos de duración, abrangue todo o proceso de desenvolvemento da festividade: dende a recollida dos agucios, a elaboración das fachas, o traslado ao castro, a súa instalación, até a queima propiamente dita, que ten lugar todos os anos, desde hai séculos, na noite do 7 ao 8 de setembro.
Ademais, a obra conta coa participación do antropólogo Xabier Viana, e inclúe “declaracións dos veciños que conservan a tradición dos seus antepasados e de rapaces que nos fan confiar en que se manteña no futuro”, sinalou Santos, engadindo que o audiovisual “tamén é un recoñecemento ao traballo que está a desenvolver a Asociación Cultural As Fachas”.
Apoio da TIC ao tecido asociativo
A Asociación Cultural As Fachas constituíuse a finais de 1992 e ten entre os seus obxectivos “procurar que non se extinga esta tradición ancestral, a súa organización e a conservación patrimonial da parroquia”. É unha das organizacións sen ánimo de lucro que ten asinado convenio coa Fundación TIC. Esta colaboración forma parte dunhas das principais liñas de actuación da entidade da Deputación de Lugo, de apoio ao tecido asociativo da provincia e ao labor que desenvolve en diversos ámbitos.

PUBLICIDADE