A Fundación TIC organizou en Lugo unha andaina contra os crimes machistas

venres, 24 de novembro do 2017 Redacción

O presidente da Fundación TIC e da Deputación de Lugo, Darío Campos, e malia alcaldesa Lara Méndez, participaron hoxe na andaina convocada na cidade da Muralla para visualizar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, este sábado 25. A actividade (veciñanza, asociacións, colectivos locais), na que participaron centos de persoas, veu da man do alumnado da Fundación TIC, dentro da campaña Lugo En Negro. Durante a marcha, camiñantes de todas as idades encheron de bandeirolas negras o treito que vai da Escola de Imaxe e Son (Fundación TIC) á praza de San Marcos.
A andaina rematou diante da sede da Deputación, onde se procedeu á lectura, por parte da alcaldesa, dun manifesto institucional de repulsa polos crimes machistas. A continuación, unha parella de actores, realizou unha performance inspirada na loita das vítimas de violencia exercida polos homes.
Trátase da segunda marcha cidadá que os estudantes da EIS convocan con éxito de asistencia, na véspera da celebración internacional. Por certo que o alumnado da escola completou a marcha cun vídeo de denuncia que serviu, nas redes sociais, como reclamo para a participación e a mobilización. En datas vindeiras poderemos ver na Rede máis contidos que reflictan as accións desenvolvidas hoxe.
Aos alumnos e traballadores da TIC uníronse na camiñada usuarios do InLugo (o programa de divulgación tecnolóxico-dixital da Fundación) e veciños de todo o concello, institucións, asociacións sen ánimo de lucro e clubs deportivos. En concreto, participaron membros do C.B. Breogán, do C.D. Lugo, Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, Asociación de Xóvenes Empresarios (AJE), Asociación de Viúvas de Lugo, SOMOS Unidos por el Cáncer, Federación de Asociacións de Veciños, Bonhomía, ASPNAIS e Asociación de Amas de Casa.

PUBLICIDADE