A Fundación TIC renova a súa colaboración co Encontro de Torneiros de Xermade

xoves, 16 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

A Fundación TIC da Deputación de Lugo vai colaborar novamente coa dezaoito edición do Encontro Internacional de Torneiros de Xermade, que se celebra dende o 21 ata o 23 de setembro na devandita vila da Terra Chá. A cita foi dada a coñecer os días pasados, nun acto no que participaron o deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, o alcalde de Xermade, Roberto Castro, o torneiro Alfonso Franco, e a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Areal.
Segundo fixeron saber, o apoio da Funtación TIC forma parte da habitual colaboración da Deputación de Lugo co encontro de torneiros, unha oportunidade de primeira liña para coñecer os detalles desta profesión tradicional a través de demostracións en vivo e un amplo programa de actividades como charlas, conferencias e exhibicións.
Na cita cos medios, celebrada na Biblioteca Municipal de Xermade, a Deputación lembrou que a Fundación TIC ten editados varios vídeos coas demostracións dos mestres que participaron en edicións pasadas: Margarett Garrard, Jérôme Blanc, Adrián Pena e Manuel Castro. Estes contidos, engadiu, están dispoñíbeis na canle de YouTube da Fundación TIC e máis nas redes sociais onde a entidade ten presenza, medios onde tamén é posíbel visualizar as reportaxes e restantes traballos audiovisuais realizados nos últimos anos por bolseiros e profesionais da TIC sobre este encontro internacional. Con esta colaboración, a Fundación TIC quere contribuír a “transmitir o labor dos mestres torneiros e manter vivo un oficio tradicional con raizame na provincia de Lugo”.

PUBLICIDADE