A Fundación TIC vai plasmar nas redes a importante actividades dos hostaleiros lucenses da APEHL

mércores, 22 de novembro do 2017 Redacción

A Fundación TIC da Deputación de Lugo vai achegar contidos á Rede sobre o importante traballo que despregan os 800 hostaleiros da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo (APEHL). Máis polo miúdo, a contribución da Fundación TIC baséase nun vídeo de promoción da APEHL, que será lanzado na web fundaciontic.org e máis no amplo abano de redes sociais nas que a entidade formativa e divulgativa ten presenza (Facebook, Twitter, YouTube). O vídeo foi proxectado hoxe mesmo, no acto de conmemoración do 40 aniversario da asociación. Participaron na cita o presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López.
Segundo fixo saber Campos Conde, o “a Deputación é a única administración galega que colabora con este colectivo para impulsar a actividade dos máis de 800 profesionais lucenses que o integran a través dun investimento de 60.000 euros”.
O titular da entidade provincial felicitou a APEHL polo seu aniversario e, de xeito especial, a catro profesionais homenaxeados no acto de hoxe: Ángel López-Leytón, Alberto García García, Santiago Argüeso e José Luís Loureiro. Asemade, puxo en valor as contribucións de todos os profesionais que integran este asociación e salientou as súas catro décadas de “intenso traballo en defensa e impulso dun dos sectores punteiros da economía da nosa provincia: o hostaleiro”.
Tamén recordou que a contía de 60.000 euros achegada este ano ás actividades da APEHL, da man da Deputación, foi adicada á elaboración de material informativo sobre oferta turística e gastronómica da provincia. Por exemplo, salvapratos co mapa da provincia que inclúen códigos QR sobre puntos de interese turística nos concellos, eventos como as xornadas gastronómicas Estase cocendo (adicada ao cocido); ou a iniciativa Cume Tapas, que afondou sobre o pratos da Ribeira Sacra. Ademais, fíxose promoción exterior da campaña E para comer, Lugo, e organizáronse cursos de formación, como o de especialización en enoturismo, que se baseou no aproveitamento cultural da viticultura.

PUBLICIDADE