A Fundación Telefónica impulsa en Galicia o voluntariado tecnolóxico e a inclusión dixital

venres, 22 de maio do 2026 S. P.

A Fundación Telefónica celebra este venres 22 de maio o Día Internacional do Voluntariado de Telefónica cunha xornada anual onde miles de empregados e directivos da compañía únense a nivel global para impulsar a inclusión social e dixital, a través da tecnoloxía e a súa experiencia profesional.
No marco desta celebración organiza de xeito simultáneo iniciativas de desenvolvemento social e “con impacto positivo para as persoas”, enfocadas á capacitación dixital, a orientación laboral ou a mentoría en deseño ético e inclusivo.
Este ano, ademais, o voluntariado cumpre un novo fito ao converterse en tecnolóxico ao 100% para poñerse ao servizo das entidades sociais e abrir novas oportunidades vitais a persoas de todas as idades, explicou a Fundación Telefónica.
“Os nosos voluntarios están cheos de empatía e de coñecemento tecnolóxico ao servizo das entidades sociais, elas son as nosas grandes aliadas. Como compañía comprometida social e culturalmente en Telefónica asumimos o reto de converternos na mellor vía de acceso dos cidadáns ás tecnoloxías dixitais, e queremos que pensen connosco e acheguen solucións para paliar fendas dixitais e así ofrecer todas as oportunidades da tecnoloxía aos seus beneficiarios”, explicou Isabel Salazar, directora xeneral de Fundación Telefónica.
En Galicia
En Galicia, voluntarios da compañía impartiron na mañá deste 22 de maio o taller Reconectados, co que achegaron as posibilidades da intelixencia artificial a persoas maiores da Asociación de Párkinson da Coruña. A iniciativa, que tivo lugar no Museo Didáctico das Telecomunicacións que Telefónica alberga na central de Montiño da cidade herculina, abordou desde os riscos, beneficios e prácticas éticas desta tecnoloxía a exercicios de uso.
Con esta iniciativa, que busca mellorar o nivel de autonomía dixital das persoas maiores, Telefónica busca “diminuír a fenda dixital deste colectivo, fomentando ao mesmo tempo un envellecemento activo e saudable”. Durante o encontro, as persoas participantes tamén tiveron a oportunidade de gozar dunha visita guiada ao museo para coñecer como funcionaban os antigos equipos da Compañía, como as centrais manuais ou os sistemas de comunicación por radio.
Pola súa banda, en Vigo, os voluntarios Telefónica, xunto á Fundación Abracadabra Magos Solidarios, desenvolveron unha actividade en Down Vigo enfocada a promover a autonomía dixital das persoas con Síndrome de Down e na que aprenderon a vincular trucos de maxia con conceptos técnicos, convertendo a tecnoloxía nun superpoder.
“En Telefónica apostamos por unha sociedade dixital aberta, conectada, inclusiva e humanista, na que todos temos potencial e onde o progreso debe ser de todos e para todos”, destacou Manuel Alonso, director do Territorio Norte de Telefónica España.
Unha sociedade máis conectada e inclusiva
Cada ano, os empregados de Telefónica propoñen novas actividades de voluntariado aliñadas coas súas preocupacións sociais e a súa contorna, e que poden atender a través do seu talento tecnolóxico e experiencia profesional. Ademais, todos os programas desenvolvidos por Fundación Telefónica están abertos ao talento dos voluntarios: o programa Reconectados, dirixido a maiores; o Campus 42 e OrientaHub, de formación e orientación en emprego dixital; o programa de Bolsas; o proxecto Conciencia Dixital, que introduce pensamento crítico en relación coa tecnoloxía para menores; gaming seguro, o programa de innovación educativa con tecnoloxía ProFuturo; e as exposicións do Espazo Fundación Telefónica, que axudan a entender as últimas tecnoloxías.
“Aínda que o voluntariado leva a cabo todo o ano”, engade Salazar, “o Día Internacional do Voluntariado Telefónica é unha gran festa na que están convocados todos os empregados e directivos da compañía. Convidamos a case 100 entidades sociais e aos seus beneficiarios, e todos podemos coñecer a gran variedade de actividades nas que se pode participar, recoñecemos publicamente o compromiso dos voluntarios e pensamos como mellorar o programa ao servizo de quen máis nos poden necesitar. Sempre a través da tecnoloxía”.