A Fundación Telefónica sitúa a Galicia no 5º posto en demanda de profesionais dixitais
xoves, 10 de xullo do 2025
A Fundación Telefónica compartiu os resultados do seu Mapa de Emprego de Fundación Telefónica, baseado na tecnoloxía de análise de información a gran escala (Big Data) e en mecanismos de Intelixencia Artificial (IA). A publicación analiza as ofertas de emprego publicadas nos últimos tres meses nos portais Infojobs, Tecnoempleo, Buscojobs e ticjob, identificando e mostrando de maneira visual e interactiva esta información para debuxar unha fotografía da situación actual dos perfís e habilidades dixitais máis demandados por parte das empresas.
Unha das funcións destacadas da plataforma é que permite coñecer tanto as profesións dixitais máis solicitadas en cada provincia, como as habilidades que se requiren para traballar nelas. Segundo os datos rexistrados no último trimestre, Madrid posiciónase como a comunidade autónoma con máis ofertas de traballo de profesionais dixitais cun total de 17.326, seguida de Cataluña con 9.319, Andalucía con 3.418 e a Comunitat Valenciana con 2.511. A clasificación nacional continúano Galicia, con 1.573 e Euskadi con 1.496 ofertas.
A provincia galega con maior demanda de profesionais dixitais é A Coruña, que alcanza as 716 ofertas, case a metade da demanda de emprego dixital da comunidade autónoma. A ela séguenlle Ourense con 570, Pontevedra, con 223 e Lugo, con 64 ofertas de emprego.
Nos últimos datos publicados no mes de xuño, o Mapa de Emprego rexistrou un total de 57.679 ofertas de emprego de profesións dixitais en España. Delas, o 2,7% pertence á comunidade galega, onde os cinco perfís dixitais máis demandados foron:
1. Consultor TIC, con 239.
2. Xestor de proxectos dixitais, con 177 ofertas.
3. Profesional técnico TIC, con 153.
4. Administrador de sistemas, con 128 vacantes.
5. Desenvolvedor de software, con 105 ofertas de emprego.
Á súa vez, o Mapa de Emprego tamén analiza as habilidades dixitais máis buscadas polas empresas. Nos últimos tres meses, a computación na nube (Cloud Computing), presente en 81 ofertas de emprego na comunidade autónoma, foi a máis solicitada. A esta habilidade séguenlle Java, presente en 87 vacantes e Git solicitada en 47 empregos.
