A G-Night converterá o Colexio de Fonseca e o Vello Cárcere de Lugo en centros abertos de divulgación tecnolóxica

venres, 17 de setembro do 2021 S. P.

A G-Night ou Noite Europea das Persoas Investigadoras (á que se sumaron conxuntamente a UVigo
- coordinadora-, a UDC e a USC) vai facer vibrar de ciencia e tecnoloxías as nosas sete cidades, sacando a investigación máis punteira dos seus sitios habituais para poñelo o máis preto posíbel da cidadanía. No caso da Universidade de Santiago, o programa de actividades será unha ampla axenda de accións de divulgación a desenvolver en dous lugares senlleiros de Compostela e Lugo: o Vello Cárcere ou o xardín do Colexio de Fonseca. Porán o foco en mostrar o impacto das ciencias na vida cotiá das persoas.
A través dun completo e variado programa de actividades que se desenvolverán o vindeiro 24 de setembro de 18.00 a 21.30 horas no xardín do Colexio de Fonseca de Santiago, así como de 18.00 a 22.00 horas no Vello Cárcere de Lugo, preténdese “sacar a ciencia dos edificios e levala á rúa”, explica o investigador da USC e coordinador da iniciativa José Antonio Costoya. O persoal investigador é o protagonista da G-Night ao amosar a diversidade da ciencia e da tecnoloxía, así como o seu impacto na vida cotiá das persoas.
Santiago
Na zona central do xardín de Fonseca, situarase o Espazo Ágora no que, con capacidade para vinte persoas, desenvolverase o espectáculo Ciencia Máis. Esta parte da G-Night trata de conectar o público coa ciencia e cos científicos demostrando que “a investigación non só é accesíbel para todos, senón que tamén é útil e divertida mediante o uso de formatos orixinais e creativos”, explicou a USC.
Amais, os centros singulares de investigación da USC presentarán asemade a súa actividade no denominado Espazo Experientia. Diferentes obradoiros de interacción e demostración disporanse no perímetro do recinto, para abordar cuestións tan diversas como a eliminación de microcontaminantes e sólidos en augas residuais na auga, a química no día a día, as plaquetas, a biotecnoloxía na cociña ou a robótica, entre outros múltiples eidos.
Lugo
No caso do Campus de Lugo, a G-Night desenvolverase de 18.00 a 22.00 horas no Vello Cárcere, un espazo recuperado como lugar de memoria e centro cultural. Os obradoiros, presentacións e demostracións, organizadas polo grupo XuvenCiencia en colaboración coa Asociación de Investigadores AgroMar do Campus de Lugo, están dirixidos a público de todas as idades e intereses. Haberá obradoiros nos que aprender a técnica da PCR ou a cuantificar a cantidade de proteínas do leite a través dun método fotométrico, e tamén actividades sobre o ciberbullying e aos estereotipos de xénero. Para os máis pequenos ofértase, asemade, un obradoiro de aprendizaxe cooperativa.
A USC engadiu que no Campus de Lugo as demostracións serán tan variadas que abranguen dende a clonación de árbores in vitro ata a Realidade Aumentada e a impresión 3D, a fotosíntese artificial ou unha modalidade de hardware libre para rexistrar parámetros ambientais como a humidade ou a temperatura. As punteiras investigacións que desenvolve o Campus de Lugo da USC con peixe cebra para a súa aplicación en doenzas humanas ou a determinación do grosor dun cabelo mediante difracción son outras das propostas. Dúas persoas investigadoras da Universidade de Porto, chegadas especialmente para esta G-Night luguesa, convidarán os participantes a construír un móbil da idade de pedra e a facer experimentos de física. Finamente, o patio central do Vello Cárcere abrirase para unha presentación de robótica ao servizo da sociedade.


PUBLICIDADE