A G-Night permitiu viaxar ao interior dun supercomputador

venres, 27 de setembro do 2024 Redacción

A Xunta de Galicia participa hoxe na Noite galega das persoas investigadoras (G-Night) cunha viaxe ao interior do supercomputador Finisterrae III, instalado no CESGA. A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participa nesta actividade, que se complementa cunha charla sobre os usos desta tecnoloxía na produción de coñecemento para a mellora da vida das persoas.
O supercomputador púxose en marcha en 2022 e presta servizos informáticos avanzados a máis de 500 grupos de investigación, desenvolvemento e innovación en centros e universidades galegas, do Consello Superior de Investigacións Científicas, administracións e empresas, ademais de proporcionar capacidade de cálculo á Rede española de supercomputación (RES) e a iniciativa europea de supercomputación Partnership for Advanced Computing in Europe (PRACE) a través das chamadas Distributed European Computing Initiative (DECI). Cada ano proporciona máis de 70 millóns de horas de cálculo a diferentes áreas científicas e de coñecemento.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP asiste tamén á charla organizada pola Real Academia Galega de Ciencias sobre Matemático Rodríguez, declarado científico do ano por esta entidade. Baixo o título O metro calculado por un galego no século XIX, o matemático e investigador Xabier Pérez Couto achega ao público asistente aos logros do considerado como o primeiro científico galego, que contribuíu ao establecemento do sistema métrico e á determinación da verdadeira forma da Terra, entre outros fitos.