A G-Night pon a ciencia nas rúas nas tres universidades galegas

venres, 26 de setembro do 2025 S. P.

Un setembro máis, e van cinco, a G-Night volveu levar ás rúas e prazas de Galicia a ciencia e a creatividade para celebrar e encher de luz a Noite das Persoas Investigadoras. Esta iniciativa, que se desenvolve de xeito simultáneo en todo o planeta, foi coordinada na nosa terra pola UVigo e contou coa máxima implicación da UDC, da USC e tamén do CSIC, entre outras moitas entidades. O obxectivo foi “sacar a investigación dos laboratorios e achegala á cidadanía”.
En Galicia a programación implicou a máis dunha ducia de institucións e comprendeu arredor de 200 propostas espalladas por rúas, museos, organismos de I+D e bares das sete principais cidades de Galicia durante a tarde e a noite deste venres 26 de setembro.
Ademais da UVigo, na G-Night en Galicia están implicadas as universidades de Santiago e Coruña, varios institutos do CSIC (Iegps, IEO, MBG, IIM e INCIPIT), centros oceanográficos de Vigo e A Coruña do Instituto Español de Oceanografía e outros centros de investigación galegos de como o Inibic, IDIS, CITMAga, Cesga e Ecobas.
G-Night desenvólvese como un evento asociado a un proxecto europeo, empregando os recursos propios das entidades implicadas e co apoio da Xunta de Galicia a través de GAIN, Axencia Galega de Innovación.
Un dos centros neurálxicos da celebración foi o Berbés, en Vigo, xa que a súa praza e o edificio Redeiras foron o epicentro da G-Night da UVigo coa celebración da tradicional feira científica, nesta ocasión cunha trintena de obradoiros e obradoiros para todas as idades. O fío condutor da xornada foi a creatividade e a súa relación co coñecemento científico, baixo o lema Conciencias Creativas.
A partir das 5 da tarde foron moitas as familias que se achegaron a esta zona da cidade para coñecer, dun xeito interactivo, lúdico e próximo, diferentes liñas de traballo que desenvolven os grupos de investigación da UVigo. O reitor, Manuel Reigosa, xunto coa vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, a secretaria xeral, María José Bravo Bosch e a xerenta, Yolanda Lesmes, acudiron tamén a esta cita, na que o persoal investigador da institución foi o encargado de guiar os talleres, as charlas e os experimentos pensados para público de todas as idades. E
ntre outras temáticas, as e os visitantes puideron coñecer a evolución molecular dos virus, o comportamento dos materiais, diferentes aspectos relacionados co cambio climático ou coa investigación aeroespacial, etc. Tamén houbo obradoiros sobre subprodutos agroalimentarios a base de insectos, cosmética natural, a robótica, os ecosistemas das praias e dos ríos, as múltiples aplicacións da Intelixencia Artificial, os microplásticos ou os novos materiais.
A ciencia espallouse tamén por outros puntos da cidade olívica, con propostas como a xa clásica Ciencia no Bar, que se desenvolveu no café De Catro a Catro con tres charlas sobre a funga de Madagascar, o uso da Realidade Virtual inmersiva e os videoxogos na promoción da saúde e as lesións musculoesqueléticas en músicos. Esta actividade foi presentada pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama.
O programa da G-Night 2025 en Vigo completouse coa segunda edición de Ciencia na Biblio, cunha charla sobre a aprendizaxe de linguas na Biblioteca Xosé Neira Vilas e cunha serie de obradoiros científicos no local de Emaús organizados polo IEO-CSIC. Ademais, o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) celebrou unha xornada de portas abertas dirixida ao persoal dos comercios de Vigo que participaron na iniciativa Escaparates Oceánicos.
No Campus de Ourense a G-Night 2025 contou con dúas actividades. A primeira foi a celebración na Facultade de Historia de tres obradoiros sobre linguas da Antigüidade. As persoas inscritas puxéronse na pel de escribas exipcios, micénicos e romanos e realizaron escritura sobre papiro e ofrendas aos deuses sobre pequenas táboas de arxila. A segunda actividade foi Ciencia no bar: un museo virtual para reflexionar sobre a xustiza social e tivo lugar no Café & Pop Torgal. A través de imaxes conectadas con conceptos, o público traballou co persoal investigador a comprensión crítica e o diálogo arredor de valores como a igualdade, a diversidade e a loita contra a discriminación.
O Campus de Pontevedra sumouse á G-Night e fíxoo coa figura de Castelao como protagonista da tarde deste venres. Unha camiñada promovida coa colaboración do Concello, levou a máis dunha vintena de persoas a percorrer diferentes lugares da cidade que tiveron algunha significación na vida e na obra de Castelao. O roteiro completouse no Museo de Pontevedra cun relatorio sobre a obra gráfica de Castelao e a representación da explotación animal na súa obra. A programación da G-Night na cidade completouse cun scape room organizado pola Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), unha actividade que combinou coñecemento científico e xogo colaborativo e que permitiu afondar nos efectos do cambio climático a través dunha serie de enigmas.