A GDC 2021 celebrarase virtualmente

venres, 19 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

O pasado verán a Game Developers Conference (GDC), a principal feira para desenvolvedores de videoxogos a nivel mundial, tivo que reformularse como unha conferencia totalmente dixital ante a crise sanitaria, e como para a edición de 2021 tiveron tempo dabondo para anticipar a situación e así modificar a súa planificación pensando xa dende o comezo nun evento en liña.
Este ano a GDC chega a súa 35ª edición e, en vez de optar polo seu tradicional formato que concentra unha chea de actividades nunha semana (precisamente polas limitacións de axenda propias dun evento presencial) optan por organizar unha serie de eventos que ofrecerán contido seleccionado de alta calidade con xeitos máis flexibles para acceder aos mesmos a través da Internet, así como de celebrando conferencias virtuais que ofrezan oportunidades de interacción entre os participantes.
O primeiro dos eventos que celebrarán será a GDC Masterclass do 4 ao 5 de marzo, nunhas xornadas de obradoiros virtuais para grupos reducidos; do 15 ao 19 de marzo tería lugar a GDC Showcase, un evento dixital de asistencia de balde, na que haberá presentacións, sesións de preguntas, podcasts en directo... coa participación de desenvolvedores reputados; e finalmente a GDC 2021 terá lugar entre o 19 e o 23 de xullo, no que haberá unha completa programación de actividades paralelas sen esquecer as súas galas de premios o 21 de xullo (a IGF para xogos independentes e a GDCA, que recoñecerá o mellor da industria). As galas de premios poderán seguirse a través de Twitch.

PUBLICIDADE