A Galiciencia 2017 abre as súas portas entre récords de participación

martes, 21 de novembro do 2017 Redacción

A Galiciencia, a feira de tecnoloxía nova (nova en todo o sentido da expresión: innovadora e argallada por xente nova), celebra a partir de mañá a súa derradeira edición de outono (a partir de 2018, as convocatorias centraranse na primavera). Segundo fai saber a organización (a Tecnópole de Ourense), serán tres dias para mergullarnos na inventiva no sentido máis literal no termo. En cuestión de números, poderemos ver 79 proxectos procedentes de 40 centros escolares de Galicia, Euskadi, Catalunya, Asturias e Andalucía, cinco máis que en 2016. As iniciativas das nosas catro provincias son 73. A previsión é recibir máis de 2.000 visitas no recinto habilitado na Tecnópole.
A gran novidade reside nun incremento en todas as cifras de proxectos, participación e asistencia com respecto ao ano pasado. Participa rapazada de secundaria e FP (50 equipos) e de primaria (29 traballos fóra de concurso).
Entre outras cousas innovadoras, poderemos ver unhas lentes para cegos impresas en 3D, unha tecnoloxía para escorrentar xabaríns das leiras, un enxeño para abrir as portas dos baños públicos sen usar as mans e un dispositivo que pecha as xanelas do tellado de maneira automática cando chove.
No evento, que conta coa colaboración da Consellería de Economía e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), os participantes competirán por situarse entre os tres finalistas, conseguindo o galardón ao proxecto máis innovador, ao método científico e proceso investigador mellor definido ou á mellor comunicación e presentación oral. Entre estes, o que acade a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, a Exporecerca 2018. O clasificado en segundo posto terá unha dotación de 500 euros para apoiar a súa participación na Zientzia Azoka, a feira anual de ciencia que se celebra cada ano na primavera en Bilbao. O proxecto que fique en terceiro lugar recibirá 200 euros para cubrir os gastos da súa participación no programa de actividades organizados polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.
As actividades paralelas deste ano terán a astronomía como protagonista. Durante os tres días da Galiciencia, os visitantes participarán en obradoiros para iniciarse na astronomía e visitar o planetario, mentres que os maiores terán ocasión de explorar a cultura da astronomía e afondar na súa relación coa informática. Segundo explica a organización, “as galaxias, os planetas e as estrelas serán tamén os protagonistas do espectáculo científico que poderá seguirse en streaming (retransmisión en directo por Internet) dende calquera centro escolar ou dende a casa”.

PUBLICIDADE