A Galipedia, a nosa enciclopedia en liña, festexa os seus 10 anos de vida

xoves, 21 de febreiro do 2013 Redacción

En xaneiro de 2001 botaba a andar a Wikipedia -tamén coñecida como enciclopedia libre- un proxecto que pretendía pór o coñecemento humano ao alcance de todos os seres humanos e, indo un paso alén, facelo no seu idioma. Emporiso, fóronse creando versións da Wikipedia en varias linguas (habendo máis de 280 na actualidade), entre elas a nosa: o galego. Deste xeito, tamén en xaneiro -pero do ano 2003- abríase a primeira páxina da Galipedia, a enciclopedia libre en galego, e facíao coa entrada “ou”, o primeiro artigo da Galipedia (creado o 12 de marzo de 2003). A día de hoxe a Galipedia achégase xa ás cen mil entradas grazas ao traballo e colaboración de miles de voluntarios que fan posible a existencia deste portal e grazas tamén aos mecanismos comunitarios de revisión entre iguais.
Porque a Galipedia non é unha enciclopedia ao uso, está feita por moitas persoas e calquera pode mellorar ou corrixir aquilo que estea errado ou introducir un tema que aínda non figure nas súas páxinas. E para quen non o saiba aínda, cómpre salientar que os contidos desta obra colectiva son publicados baixo unha licenza libre, a esencia desta Galipedia: a Creative Commons (Recoñecemento-Compartir Igual), que permite o seu libre uso conservando esa licenza.
Logo de máis de 98.000 artigos creados na Galipedia, o 8 de marzo de 2013 a nosa enciclopedia en galego cumprirá 10 anos de vida! E Wikimedia España (a vertente española dese movemento) organiza, xunto á comunidade de editores da Galipedia, un encontro o 9 de marzo en Santiago de Compostela co obxectivo de celebrar este aniversario e de reforzar estes proxectos. Esta cita servirá de punto de reunión de galipedistas, persoas implicadas no coñecemento e na cultura libre, así como na promoción da lingua e a cultura galegas. Engadir que detrás desta actividade está a Universidade de Santiago de Compostela e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), sendo a entrada ao acto de balde até completar o aforamento. As presentacións serán realizadas a partir das 10 da mañá no Salón de Actos do Colexio Maior Fonseca, no Campus da Universidade compostelá.

Programa de actividades do 10º aniversario da Galipedia:

  • 10:00 horas. Apertura do acto. Francisco Ramón Durán Villa (Vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua da Universidade de Santiago de Compostela).
  • 10:15 horas. Wikikills. José Manuel Abuín Mosquera (Técnico de Proxecto do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) .
  • 10:45 horas. O lema da Galipedia es ti. Antonio Gregorio Montes (administrador da Galipedia).
  • 11:15 horas. Internet e activismo cultural: Unha ollada desde o corazón da crise económica. Manuel Gago Mariño (director do portal culturagalega.org e profesor na Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela ).
  • 12:00 horas. Descanso.
  • 12:20 horas. Mesa redonda: Empresas galegas con licenza libre! Marcos Pérez Pena (director do xornal dixital Praza Pública) , Denís Fernández Cabrera (de Urco Editora) e Óscar Otero (de A navalla suíza).
  • 13:10 horas. Coñecemento libre e democracia. Javier de la Cueva (avogado, experto en propiedade intelectual).
  • 14:00 horas. Peche e torta de aniversario.

PUBLICIDADE