A Galipedia celebra este mes os seus quince históricos anos de vida

venres, 2 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

O mes de marzo de 2003, concretamente o día 8, nacía un dos grandes proxectos web da nosa terra, con toda probabilidade un dos máis importantes pola súa utilidade no subministro de coñecemento, e tamén, pola reivindicación do galego como unha lingua válida, viva e plenamente afianzada na era da Internet. Estamos a falar da Galipedia, a Wikipedia en galego, que está xa mergullada na celebración dos seus quince anos de historia, tres lustros de traballo incansábel a prol do coñecemento sen cancela de milleiros de voluntarias e voluntarios, que foron quen de facer medrar a Galipedia e de dar azos ao galego na Internet. Segundo nos lembra a comunidade do proxecto, a enciclopedia dixital en galego segue viva e con devezos de continuar medrando.
A día de hoxe, a Galipedia foi quen de mellorar a calidade das súas entradas e de chegar ao posto número 14 na lista de wikipedias por mostra de artigos, cando no 2013 estaba na posición 22, sobre un total de máis de 280 linguas.
No balance de cifras tamén cómpre salientar os case 150.000 artigos acadados, entre os que se contan máis de 150 de gran calidade (que son os que a comunidade etiquetou como as melloras achegas e entre os que se inclúen traducións de entradas da Wikipedia e artigos de colleita propia, abordando temáticas variadas: historia, artes, xeográfica, bioloxía, medicina ou ciencias exactas).
Os impulsores da Galipedia, no seu ollar cara atrás (que é o complemento ideal para a práctica de ollar cara adiante, cara ao futuro), engaden que dun tempo a esta parte e co obxectivo de reparar a discriminación masculina perpetuada en décadas e séculos de xeración de coñecemento, están a darlles meirande visibilidade ás mulleres, “tentando reducir a fenda de xénero existente neste tipo de artigos entre as biografías de homes e de mulleres”.
Outra mostra do traballo realizado é que, dos máis de 3.500 artigos de parroquias de Galicia, máis de 3.000 xa teñen a súa propia fotografía, estando completas as das provincias de Pontevedra e A Coruña, grazas ós esforzos dos editores e doutras persoas que publican as súas fotografías con licenzas libres (este proxecto organízase no Wikiproxecto fotos de parroquias).
O equipo coordinador da Galipedia tamén informa que, co gallo deste aniversario, vanse realizar unha serie de actividades, a máis importante das cales será o Primeiro wikimaratón do Día Internacional da Muller que se vai levar a cabo en Ourense o día 10 de marzo, en colaboración co Concello de Ourense a través da súa concellaría de Igualdade. Este evento será unha actividade aberta a toda a cidadanía na que se realizará un obradoiro de introdución á edición e, a continuación, un wikimaratón para mellorar e crear artigos de biografías de mulleres destacadas, uníndose así esta celebración á do Día Internacional da Muller.
A comunidade da Galipedia tamén aproveita esta celebración para agradecer o traballo das persoas que apoian acotío o proxecto, colaborando cada día, que se suman ao colectivo voluntario que cooperou nos seus inicios, e todas e todos mellorando a enciclopedia libre en galego, que devagar pero con paso firme vai incrementando a calidade e o contido das súas entradas, amais da cantidade. A comunidade agradece igualmente o apoio das lectoras e lectores, “que cada día consultan as súas páxinas aumentando así a súa utilidade”.

PUBLICIDADE