A Galipedia convoca á comunidade da UDC para amosar a súa actividade e xuntar forzas

luns, 30 de marzo do 2015 Redacción

A Facultade de Informática da Coruña vai acoller os días vindeiros a primeira edición das Xornadas Coñece a Galipedia na UDC. A cita desenvolverase o 16 e máis o 17 de abril, e será, en palabras da organización, “unha mestura entre unha xornada de portas abertas e un wikimaratón da enciclopedia en liña galega”. Estas xornadas, promovidas pola dita facultade da Universidade da Coruña, GPUL e a Galipedia, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, pretenden reducir a distancia entre a enciclopedia libre en galego, por unha banda, e os lectores, os usuarios e os potenciais desenvolvedores, apoios, seareiros ou colaboradores, pola outra.
O programa das xornadas abranguerá unha charla de introdución á edición da Galipedia e incluirá tamén actividades máis avanzadas como a introdución ó manexo de bots. Tamén está previsto, como dixemos un pequeno wikimaratón de artigos relacionados coa Universidade da Coruña e outros temas, como a informática. Asemade, darase acollida á entrega de premios e á presentación dos traballos gañadores do concurso Wikinformática, enfocado á visualizar do papel da muller nas novas tecnoloxías entre os estudantes de secundaria.
Para podermos participar nestas actividades, temos que rexistrarnos na páxina do evento xa que as prazas son limitadas, aínda que tamén existe a posibilidade de participar en liña.
Programa de actividades
Xoves 16 de abril
· 17:00-17:30 Introdución á Galipedia e á edición co Editor visual (Elisardo Juncal, Galipedia)
· 17:00-17:15 Planificación e distribución do traballo de edición
· 17:15-19:30 Edición dos artigos propostos ou doutros de interese para os asistentes
· 19:30-19:45 Avaliación da xornada
Venres 17 de abril
· 16:00-17:00 Entrega de premios e presentación dos traballos de Wikinformática
· 17:00-17:30 Introdución ó uso de bots na Galipedia (Roi Ardao López "Banjo", Galipedia)
· 17:00-17:15 Planificación e distribución do traballo de edición
· 17:15-19:30 Edición dos artigos propostos ou doutros de interese para os asistentes
· 19:30-19:45 Avaliación da xornada

PUBLICIDADE