A Galipedia escurécese en protesta da proposta de reforma dos dereiros de autor na UE

luns, 25 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Este martes a Unión Europea votará unha proposta de directiva sobre os dereitos de autor que, de aprobarse, podería danar seriamente a Internet aberta que hoxe coñecemos, xa que ameazaría a liberdade en liña e crería obstáculos para a acceder á web con novas barreiras, filtros e restricións.
A proposta de directiva actual podería facer imposible compartir artigos de novas en redes sociais ou atopalos en motores de busca, e incluso a Wikipedia podería estar en risco, de aí que a comunidade da Wikipedia en galego decidise escurecer as páxinas da súa enciclopedia en liña até a votación a xeito de protesta e para facer un chamamento aos membros do Parlamento Europeo para que voten contra o texto actual, reabrir a discusión e reconsiderar as numerosas propostas da asociación Wikimedia así como a extensión da liberdade de panorama a toda a Unión Europea e a protección do dominio público.
Lembremos que o escurecemento das páxinas da Wikipedia consiste en que, cando accedamos a un artigo en concreto, en vez de visualizalo con normalidade, accederemos ao artigo co comunicado de protesta, no que poderiamos considerar como unha manifestación virtual que consegue unha grandísima proxección, xa que a Wikipedia segue a ser a principal fonte de consulta dos cidadáns á hora de informarse.

PUBLICIDADE