A Galipedia lanza concurso para ilustrar a escritora homenaxeada nas Letras 2018

xoves, 21 de setembro do 2017 Redacción

Os editores da Galipedia, a enciclopedia libre en galego, están a organizar un concurso de debuxo para complementar visualmente o artigo de María Victoria Moreno, a vindeira homenaxeada na festa da nosa cultura do 17 de maio en 2018. O Wikiconcurso Ilustra o Día das Letras está aberto a todos os internautas, pudendo achegar un debuxo ou material gráfico feito a través de calquera outra técnica artística. Os requirimentos son: que o deseño fornecido sexa dixital e que veña licenciado de xeito que sexa compatíbel coa política da Galipedia. Ou sexa, deberá facerse en Wikimedia Commons e dentro da categoría María Victoria Moreno.
O certame ten a súa orixe nunha realidade coa que teñen con convivir os autores da Galipedia dende a orixe do proxecto: a dificultade (por mor das políticas de uso de imaxes) para ilustrar certas entradas, sobre todo as correspondentes a persoeiros finados nos últimos oitenta anos. Segundo fan saber, “isto é debido a que non adoita haber imaxes deles, dispoñíbeis, que non estean suxeitas a dereitos de autoría”.
O prazo de publicación para entrar no concurso remata o 31 de decembro de 2017, inda que logo os participantes poden seguir cargando os deseños que queiran, fóra da competición. Finalizado o prazo de publicación haberá unha votación aberta na que se elixirá o retrato, que seguramente será a ilustración primeira que aparecerá no artigo de María Victoria Moreno. Este retrato e máis os dous seguintes con máis votos serán os que se repartirán os premios do concurso.
Tanto os ficheiros gañadores como os outros participantes, cargados no proxecto, poderán aparecer na páxina: Galería de imaxes de María Victoria Moreno.
O gañadores, amais da satisfacción de ver publicada a súa obra en varias páxinas de referencia na Rede (na Wikipedia en galego e noutras linguas, así como noutros proxectos irmáns, como, por exemplo, Wikiquote), optarán aos seguintes premios (por orde votos): un exemplar do libro de Eli Ríos (2016) Mulleres bravas da nosa historia. María Victoria Moreno de Urco Editora, un bono de 100 USD para gastar na tenda de Wikimedia (https://store.wikimedia.org) e un bono de 50 USD para gastar na tenda de Wikimedia.

PUBLICIDADE