A Game & Watch de Super Mario Bros. sae á venda

venres, 13 de novembro do 2020 Marcus Fernández

Para celebrar o 35º aniversario de Super Mario Bros. Nintendo está a realizar toda unha serie de lanzamentos cunha aceptación bastante dispar, pero nun produto que parecen ter atinado bastante é a consola portátil Game & Watch: Super Mario Bros., que hoxe chega ás tendas a un prezo de 49,99 euros e que nalgúns establecementos xa esgotaron existencias polo pulo que está a ter o retro entre os coleccionistas.
A consola vén a ser unha réplica das vellas consolas portátiles de Nintendo que viña cun único xogo, aínda que desta volta se queremos ver realmente o limitados que eran este xogos temos a oportunidade de xogar a Ball, un deses clásicos creados tirando proveito da tecnoloxía de cristal líquido de primeiros dos anos 80, pero mudando o aspecto do protagonista para convertelo en Mario. Na liña destes produtos retro tamén pode usarse esta curiosa consola como reloxo dixital, o que resulta bastante curioso.
Pero claramente o uso principal que se dará a esta máquina, aparte de empregala de xeito decorativo ou simplemente coleccionala, será para xogar ao clásico Super Mario Bros., xogo que vén cargado na consola xunto con Super Mario Bros.: The Lost Levels, conseguindo así que moitos seareiros do fontaneiro italiano volvan xogar a estes títulos para conseguir espremelos ao máximo pese ás limitacións dun sistema de control tan limitado (principalmente polo pequeno tamaño da consola).
O feito de que haxa problemas para atopar existencias da consola nalgunhas tendas non debería asustar aos coleccionistas, xa que Nintendo asegura que seguirá a pór unidades en circulación até aproximadamente o 31 de marzo de 2021, e que logo poderase atopar en tendas mentres queden unidades dispoñibles, medida coa que pretenden evitar os problemas de especulación cos prezos que houbo con consolas como a NES mini.

Vídeo promocional da consola portátil Game & Watch: Super Mario Bros.

PUBLICIDADE