A GoPro HERO10 Black dá un salto de calidade grazas a un potente procesador

venres, 17 de setembro do 2021 Marcus Fernández

A liña de cámaras deportivas de referencia renóvase coa chegada da GoPro HERO10 Black, que nesta ocasión mellora substancialmente grazas á incorporación dun procesador GP2 de alto rendemento, grazas ao que consegue unha calidade de imaxe sen precedentes e unha velocidade de fotogramas de vertixe, sendo capaz de capturar vídeo en 5,3K a 60 imaxes por segundo, en 4K a 120 imaxes por segundo e mesmo a 2,7K a 240 imaxes por segundo. O novo procesador tamén potencia a estabilización de vídeo HyperSmooth 4.0, conseguindo un vídeo estabilizado extraordinariamente fluído.
A HERO10 Black ten unha resolución fotográfica de 23,6 Mpíxeles, cun rendemento mellorado con pouca luz e unha interface de usuario máis rápida. Tamén pode extraer fotogramas de 19,6 Mpíxeles a partir de vídeos 5K 4:3 e de 15,8 Mpíxeles de vídeos en 5,3K a 60 imaxes por segundo, o que resulta ideal para crear instantáneas de eventos deportivos e actividades a grande velocidade.
A cámara tamén é somerxible a 10 metros de profundidade; conta con conectividade sen fíos para facilitar as copias de seguridade dos contidos captados (aínda que para explotar convenientemente esta prestación é necesario subscribirse a un servizo de almacenamento na nube de pagamento); e ten dispoñibles diferentes módulos que permiten engadirlle un foco, un micrófono direccional, unha pantalla adicional ou incluso un porto HDMI.
O seu prezo de lanzamento é de 529,99 euros, aínda que de subscribirse a GoPro poden beneficiarse dun desconto que reduce o prezo da cámara até os 429,98 euros. A HERO10 Black tamén está dispoñible nun lote cun clip xiratorio magnético, unha batería de reposto, un mini-trípode, unha tarxeta SD de 32 GB e un estoxo de cámara por un prezo de 579,99 euros que baixaría aos 479,98 euros coa subscrición de 1 ano a GoPro.

Vídeo promocional da cámara GoPro HERO10 Black

PUBLICIDADE