A Guarda acolle este 7 de agosto o comezo da primeira edicióin do seu Skeirrum local

venres, 5 de agosto do 2022 S. P.

A Guarda vai acoller este 7 de agosto o comezo da primeira edición do Skeirrum local, unha experiencia que dá unha viraxe innovadora ao formato das scape room pero poñendo o foco na historia do concello e outorgándolle un sabor propio e particular. A iniciativa vén da man de Cintia Lomba e Erea Rodríguez, dúas rapazas naturais da Guarda que veñen de concibir un proxecto empresarial (o Skeirrum) como unha mestura e xogo da busca de tesouro, de scape room e de xogo en liña.
De feito, Skeirrum é unha proposta deseñada para ser emrpegada a través dunha aplicación móbil específica, co obxectivo de converter cada partida “nunha experiencia única”. Isto combínase cunha clara vontade de vivir aventuras en espazos pechados pero tamén (sobre todo) ao aire libre.
Esta experiencia pódese adaptar a calquera lugar: aldeas, vilas, cidades, parques naturais, rutas de sendeirismo, museos, etc.
O día 7 de agosto, ás 19:00h, comezará na praza de Avelino Vicente da Guarda a inauguración da iniciativa A Guarda Misteriosa, evento dirixido á poboación xuvenil e adulta con desexos de enfrontarse ao desafío que lles propoñen as autoras. O obxectivo é “por en valor a historia e o patrimonio da Guarda a través dunha aventura ao estilo das buscas do tesouro”.
Segundo informou o Concello, co-impulsor da actividade, o servizo funciona a través dunha aplicación web para smartphones á que se accede mediante códigos QR. Esta experiencia terá lugar no casco urbano da Guarda poñendo así en valor todos aqueles recursos que ofrece o territorio.
Está previsto que esta primeira street escape da Guarda sexa gratuíta e permaneza activa durante un ano, pero “para o seu lanzamento as autoras están organizando un gran evento”, informou o Concello, engadindo que o obxectivo é “pasar unha tarde divertida, convocando a moitos participantes e premiando aos gañadores”. Para isto, Cintia e Erea convidan ás empresas locais a colaborar co evento: “Calquera contribución será ben recibida e é unha boa forma de darlle visibilidade ao comercio local”.
Para colaborar contactar con info@skeirrum.com.

PUBLICIDADE