A Guarda amplía o programa formativo da súa aula CeMIT

mércores, 7 de agosto do 2019 Redacción

A aula CeMIT da Guarda vén de ampliar a cantidade dos cursos ofertados sobre novas tecnoloxías da información e faino cunha programación continua de actividades ao longo do ano, tanto para perfís básicos coma avanzados e para todas as idades. Así o vén de informar o Concello, que lembra que o devandito espazo de formación e divulgación tecnolóxico-dixital, que se atopa no primeiro andar do Centro Cultural da Guarda, tamén pon a disposición de residentes e visitantes a posibilidade de acceder libremente a Internet.
Entre os cursos que programa con regularidade o espazo CeMIT local e que veñen de ser obxecto de ampliación figuran os seguintes: informática básica para nenos e para adultos, mecanografía, procesador de textos, follas de cálculo, redes sociais, manexo de smartphones, entre outros.
O Concello engade que todas aquelas persoas que desexen estar informadas sobre a oferta e programación de actividades TIC da Guarda poden contactar a través do enderezo electrónico cemit.aguarda@xunta.gal ou chamando ao 986 61 1850.
A aula CeMIT local conta coa presenza dun técnico contratado a través da liña 3 do plan concellos da Deputación de Pontevedra, de fomento de emprego.

PUBLICIDADE