A Guarda formará ao sector turístico nas posibilidades das redes

luns, 22 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello da Guarda está a organizar un curso de formación tecnolóxica de gran interese para o sector turístico local: trátase de achegar recursos prácticos ás empresas cos que poder tiraren o máximo proveito das redes, tanto a nivel de captación de viaxeiros e comunicación, como no que se refire a xestión e mercadotecnia. O curso vai dirixido a negocios de hostalería e aloxamentos e xa ten aberto o prazo de inscrición.
Na actividade traballarase en diferentes ferramentas online que permiten xestionar e promover no ámbito dixital diferentes tipos de establecementos turísticos: ferramentas como Tripadvisor ou Booking, entre outras, de interese para a xestión de reservas, as ofertas e a promoción de produtos ou a reputación en liña, entre outros servizos.
O curso, cunha duración total de 6 horas, realizarase os mércores días 8, 15 e 22 de maio en horario de 17:00h a 19:00h. O prazo de inscricións está xa aberto do 23 de abril ata o 3 de maio a través da Oficina de Turismo da Guarda, as persoas interesadas en participar tan só teñen que chamar ao 986 614 546 ou contactar no enderezo electrónico turismo@aguarda.es.

PUBLICIDADE