A Guarda lanzou unha ferramenta dixital para dar a coñecer os seus recursos turísticos

mércores, 3 de xaneiro do 2024 S. P.

A Concellería de Turismo da Guarda, grazas a unha subvención de fondos europeos para a creación de contidos dixitais. desenvolveu uns novos mapas turísticos interactivos dirixidos a “ampliar a oferta de información turística para os nosos visitantes”. Estes mapas turísticos dixitais, lanzados este mes de decembro, atópanse integrados na actual web municipal de turismo e tamén contan cunha ligazón directa a estes recursos.
Esta ferramenta está integrada por 18 mapas interactivos ordenados por temáticas e distribuídos en 4 seccións: Coñece A Guarda; A Guarda é patrimonio; A Guarda é natureza; e A Guarda: do Miño ao Atlántico. A finalidade é “dar protagonismo e presentar dun xeito sinxelo e atractivo en base aos posibles intereses dos visitantes”.
O Concello explicou que estes mapas contan con máis de 80 recursos con foto, vídeo, introdución e unha descrición. Estes recursos están xeolocalizados e visualízanse no mapa baseado en tecnoloxía Google Maps cunha iconografía adecuada. Os idiomas dispoñibles son galego, español e inglés.
Ademais dispoñen de dúas funcionalidades: como chegar e compartir o recurso mediante WhatsApp, Facebook, Twitter e Instagram.

PUBLICIDADE