A Guarda ofrece a partir do 21 catro cursos para introducir á veciñanza nas novas ferramentas

martes, 15 de setembro do 2020 S. P.

O Concello da Guarda vén de informar de que o vindeiro luns día 21 de setembro arrancan os novos cursos de informática na aula CeMIT local. Nesta edición contarase con varios obradoiros que axudarán á cidadanía a obter capacitación tecnolóxica para tirar proveito das novas ferramentas no seu día a día. Nun plano máis concreto, aprenderán a usar un computador, a navegar por Internet, a facer e xestionar documentos de texto e a tirar proveito dun teléfono intelixente.
Estes son, máis en detalle, os cursos incluídos.
• Manexo do ordenador (luns e mércores): Funcionamento básico do ordenador
• Internet (martes e xoves): Navegación básica en internet
• Editor de textos: (venres) Edición e escritura de textos
• Smartphone: (sábado) Manexo básico dun smartphone
Horarios dos cursos:
• Luns-Venres: 10:00h-11:00h 11:30h-12:30h 16:00h-17:00h 17:30h-18:30h
• Sábado: 10:00h-11:00h 11:30h-12:30h
Segundo engadiu o Concello, por mor das restricións e os protocolos pola pandemia do COVID-19 o aforo de cada obradoiro será limitado, sendo obrigatorio o uso de máscaras de protección, xel desinfectante e manter a hixiene de mans. As inscricións están abertas chamando ao 986 61 1580 ou de xeito presencial no Centro Cultural da Guarda.

PUBLICIDADE