A HBO ofreceu 250.000 dólares como recompensa aos delicuentes que entraron nos seus sistemas

venres, 11 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Imaxe do episodio de Game of Thrones filtrado a semana pasada

A comezos de semana confirmouse que os delincuentes que se infiltraron nos sistemas informáticos da HBO e roubaron 1,5 TB de información confidencial entre os que hai dende episodios de varias series até guións, mensaxes de correo electrónico e datos de contacto de celebridades, só tiñan unha intención económica, e estaban a extorsionar á HBO, pedindo actualmente uns 5 millóns de euros en bitcoin como rescate polos contidos que aínda quedan por filtrar, pero a polémica non cesa, e unha mensaxe da HBO datada o pasado 27 de xullo demostra que a compañía estaba a negociar o pagamento dun rescate de 250.000 dólares como recompensa por ter descuberto os seus fallos de seguridade, ou sexa, camuflando o sucedido como unha filtración con boas intencións.
Dende a HBO consideraron que a recompensa podería disuadir aos atacantes de filtrar a información roubada, evitando así os danos que ataques semellantes ocasionaron a compañías como Sony ou Netflix, pero a cantidade ofrecida pareceu claramente insuficiente.
De feito, os responsables da intrusión remitiron o 3 de agosto outra mensaxe deixando claro que a súa única motivación era económica, que levaban semanas negociando con directivos da HBO e que eles incumpriron os seus compromisos, de aí que se desatase a grande filtración que afectou especialmente á serie Game of Thrones (e incluso aos seus intérpretes).
En calquera caso cómpre destacar que someterse á extorsión neste tipo de casos podería ser un perigoso precedente, xa que colocaría a toda a industria no punto de mira dos delincuentes cibernéticos ante a facilidade de poder tirar proveito económico dos roubos de contidos audiovisuais antes da súa publicación.

PUBLICIDADE