A HobbyPont de Pontevedra recupera este venres 3 o seu formato presencial

luns, 30 de xaneiro do 2023 S. P.

O concelleiro de Novas Tecnoloxías de Pontevedra, Alberto Oubiña, presentou a semana pasada a nova edición (a cuarta) do evento internacional Global Game Jam, a HobbyPont na súa versión local, cita que alcanza o seu segundo ano de celebración e que está programada para o vindeiro venres, 3 de febreiro. O Concello colabora coa organización deste evento, que regresa logo da súa primeira edición en 2022. O escenario será o Centro Leste, no barrio da Parda.
A jam pontevedresa é un convite para que as persoas desenvolvedoras dean forma a un videoxogo en 48 horas. O venres comezará o reto os participantes terán até o domingo, até ás 17 horas deste día, para presentar os traballos. “É un evento que se desenvolve en máis de 700 localizacións en todo o mundo de xeito paralelo. Animamos a todo o mundo que participe na de Pontevedra”, sinalou o concelleiro, engadindo que no ano 2020 participaron preto de 48.000 persoas, estando previsto dar acubillo a medio cento de asistentes na versión pontevedresa. Poderán participar programadores e deseñadoras, guionistas, músicos ou debuxantes… “Calquera persoa que o desexe e teña curiosidade pode participar, realmente. Só ten que estar no Centro Leste, ás 17 horas, e iniciarse no proceso”, sinalou o concelleiro.
O Centro Leste permanecerá aberto todo o tempo que dure a actividade, de xeito ininterrompido durante 48 horas. Tal é como indica o edil de Novas Tecnoloxías, mesmo está permitido “botar unha cabezada nun saco de durmir nunha sala que estará habilitada no lugar ou acudir até a súa casa para coller folgos nesta sesión maratoniana”.
Haberá dúas alturas ou modelos á hora de participar: entre 12 e 17 anos (só en liña) e de 18 (ou menores acompañados) cara arriba. As inscricións poden facerse na web da Global Game Jam.
A de Pontevedra é a única cita galega do devandito evento.

PUBLICIDADE