A Huawei Band 2 Pro integra GPS e resistencia á auga

venres, 8 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Mentres que os smartwatches non conseguen callar no mercado do xeito no que se confiaba hai uns anos, as pulseiras de actividade son capaces de cubrir moitas das súas funcionalidades a un prezo moi inferior, e como exemplo desta evolución temos a nova Huawei Band 2 Pro, que mantendo un deseño moi compacto consegue integrar GPS, resistencia á auga, monitorización cardíaca e, como non, rexistro da actividade física (tanto da actividade diaria como para correr, camiñar ou nadar). Pese a estamos ante un produto bastante avanzado, o seu prezo non é nada esaxerado, e pode adquirirse xa nos EE.UU. a 69,99 dólares (58 euros).
A Huawei Band 2 Pro pode enlazarse ao smartphone para recibir notificacións de chamadas entrantes, avisos de correo electrónico e alarmas e recordatorios, aínda que non precisa do móbil para gozar de posicionamento GPS para rexistrar os nosos desprazamentos. O seu rexistro de actividade pode empregarse para coñecer o noso nivel de actividade física diario, controlar adestramentos deportivos ou incluso para monitorizar o descanso nocturno, e pese a todas estas prestacións a súa batería de 105 mAh consegue alimentar o produto durante 7 días continuos cunha única carga ou até 21 días en espera.
A pulseira de actividade mide 44 x 19,7 x 10,3 milímetros, a súa correa 114,67 x 101,35 milímetros, pesa uns 21 gramos, é compatible tanto con iOS como con Android, comunícase cos smartphones a través de Bluetooth 4.2 e, grazas á súa pantalla PMOLED de 0,91 polgadas con botóns táctiles, permite que o usuario poida empregalo como reloxo de pulso e poida comprobar o seu funcionamento en calquera momento.

PUBLICIDADE