A IA Xenerativa e as súas posibilidades profesionais centran un novo curso en Vitae en xuño
martes, 21 de maio do 2024
A Intelixencia Artificial Xenerativa e as súas posibilidades profesionais e empresariais van centrar un novo curso da consultora galega Vitae, a celebrar este mes de xuño: os días 17, 19, 20 e 25. Será un curso de 12 horas de duración no que se botará luz en como tirar o máximo proveito da IA Xenerativa ou IA Gen.
En palabras de Vitae, este curso está deseñado para proporcionar as habilidades e coñecementos necesarios con vistas a aproveitar ao máximo as capacidades da IA Gen, elevando así o seu rendemento profesional. Porase o foco nun dos aspectos máis destacados da IA Gen: a súa capacidade para xerar texto. “Coa axuda da Intelixencia Artificial”, sinala Vitae, “tarefas como a redacción de informes, correos electrónicos ou presentacións pódense realizar de maneira máis rápida e precisa, mellorando a claridade e efectividade das comunicacións internas e externas”. Do mesmo xeito, os responsábeis de mercadotecnia poden beneficiarse destas ferramentas “ao optimizar as descricións, etiquetas e títulos en redes sociais, o que incrementa o alcance e a interacción co público obxectivo”.
Para Vitae, as ferramentas de IA non só aforran tempo, senón que tamén aseguran que o contido sexa coherente e atractivo. Así, no sector de recursos humanos, a IA Gen pode ofrecer solucións complementarias que faciliten a mellora de currículos, a redacción de cartas de presentación ou a preparación para entrevistas. Ademais, a creación de perfís profesionais adaptados a diferentes roles vólvese unha tarefa máis eficiente e, de feito, a IA pode analizar grandes cantidades de datos para identificar as habilidades e experiencias máis relevantes, axudando a seleccionar e desenvolver talento de maneira máis efectiva.
En última instancia permítese aos responsábeis de contratación tomar decisións máis informadas e precisas, optimizando o proceso de selección.
No ámbito da programación, a IA preséntase como “unha ferramenta ideal para os desenvolvedores, xa sexa que estean a aprender novas linguaxes de programación ou necesiten xerar código decontado, a IA pode asistir nestes procesos, facilitando a aprendizaxe e mellorando a eficiencia no desenvolvemento de software”.
Os exemplos prácticos que se presentarán no curso mostrarán como estas ferramentas poden integrarse no fluxo de traballo dos desenvolvedores, permitíndolles enfocarse en tarefas máis complexas e creativas.
Ademais da xeración de texto, a IA Gen tamén conta con aplicacións na creación de imaxes. Os profesionais de finanzas e administración poden utilizar a IA para elaborar informes e presentacións visualmente atractivos, mellorando a comunicación de datos e resultados.
O curso tamén abordará a xeración de contido audiovisual, unha ferramenta cada vez máis importante en mercadotecnia e comunicación.
Os profesionais do sector aprenderán a crear vídeos promocionais de alta calidade utilizando ferramentas de IA. “A capacidade de producir contido audiovisual é crucial para captar a atención do público e comunicar eficazmente o valor dunha marca”, explica Vitae, poñendo o foco na potencialidade do curso para explorar casos de uso prácticos da IA, integrando ferramentas como ChatGPT 4.0 e GEMINI en diversas contornas laborais”. Estes exemplos demostrarán como a IA pode ser aplicada en situacións reais, proporcionando solucións efectivas e mellorando significativamente a produtividade e eficiencia en diferentes áreas de traballo.
Ademais, este curso proporciona unha guía práctica sobre como estas tecnoloxías poden ser aplicadas para optimizar o traballo diario de profesionais de calquera ámbito. Ao finalizar, os participantes estarán equipados coas ferramentas e coñecementos necesarios para transformar a súa maneira de traballar, aproveitando ao máximo o potencial da IA.
O curso, que se achegará en formato de aula virtual con clases en directo e acceso ás sesións gravadas para a súa consulta, será impartido por Hugo Ramallo, especialista en Intelixencia Artificial e transformación dixital e experto na integración e capacitación en IA aplicada á educación e a contorna empresarial. No ámbito académico, conta con múltiples certificacións en IA e aprendizaxe automática de institucións como IBM, Stanford e Google. Dispón dun curso de experto universitario en Intelixencia Artificial e Big Data e un Máster en IA e Innovación.
Actualmente é director executivo (CEO) e co-fundador de GlobalCobots, unha empresa dedicada á formación e a integración de IA en centros educativos. Ademais, é membro do departamento de educación en OdiseIA, un observatorio sobre o impacto social e ético da IA. Hugo ten unha ampla experiencia en xestión, sendo director xeral para España e EMEA en CTL, onde liderou o crecemento da compañía na rexión. Tamén traballou como consultor de negocios e tecnoloxía, desenvolvendo aplicacións personalizadas e plans estratéxicos para diversas empresas.