A IA, a demanda de solo industrial e os retos enerxéticos, a debate na Pobra no II Foro Atlántico Empresarial

mércores, 25 de xuño do 2025 S. P.

O Teatro Cine Elma da Pobra do Caramiñal acolleu este mércores 25 de xuño pola tarde o II Foro Atlántico Empresarial, un espazo no que empresarios, técnicos e representantes das administracións públicas puxeron en común a situación actual dos parques empresariais, pero tamén os retos de futuro. A xornada acolleu temas diversos, desde a aplicación da Intelixencia Artificial ás empresas, ata as posibles solucións á actual demanda de solo industrial, pasando polos novos retos da enerxía ou a internacionalización das compañías.
O alcalde, José Carlos Vidal, foi o encargado de inaugurar a cita, á que definiu como un espazo para a “reflexión e o intercambio de experiencias pensando no presente dos polígonos industriais, pero tamén no futuro”. Durante a súa intervención, o rexedor referiuse ao parque industrial da Tomada, que conta “cunha posición estratéxica, boas comunicacións e con empresas cunha gran traxectoria nas súas respectivas actividades económicas”. Vidal incidiu en que “A Tomada teno todo, pero fáltalle o máis importante: superficie industrial para cubrir a crecente demanda existente”. Neste sentido, o primeiro edil recordou que o Concello e SEA (Solo Empresarial do Atlántico) levan tempo promovendo un proceso de ampliación deste parque.
A continuación, Jose Antonio Vidal Romero, presidente da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Traballadores Autónomos da Pobra do Caramiñal, analizou a situación actual dos empresarios e as súas demandas e necesidades.
Pola súa banda, Beatriz Sestayo, xerente de SEA, explicou a importancia de organizar estes encontros porque “son espazos de reflexión, aprendizaxe e experiencias que permiten tanto ás administracións públicas como ás empresas coñecer aspectos que envolven a actualidade do mundo empresarial e industrial, a fin de poder mellorar as nosas capacidades e aptitudes nun mundo en continua transformación”.
Tras estas intervencións comezou a primeira mesa de diálogo. Baixo o título IA, un reto para as empresas, Pablo Rivera Somorrostro, director executivo en 2Ksystems, expuxo como a Intelixencia Artificial pode axudar ás empresas a ser máis rendibles, competitivas, visibles, eficientes e sustentables. Tamén permitindo que tomen as mellores decisións en base á información coa que contan.
Belén Trigo, doutora e profesora de Dereito Civil da Universidade da Coruña inaugurou a segunda mesa: Solo industrial: solucións á demanda e novas fórmulas de comercialización e adxudicación. A continuación, interviñeron Antonio Quintela, Avogado de SEA, experto en Urbanismo, que tratou, dende unha perspectiva xurídica a planificación e desenvolvemento dos parques empresariais; e José Rey Hermida, que disertou sobre o dereito de superficie, unha modalidade que SEA desenvolve nos polígonos industriais que xestiona e que facilita aos empresarios a posibilidade de alugar con opción a compra as parcelas dos parques, con condicións moi vantaxosas.
Na terceira mesa, Empresa e enerxía: Retos, problemas e solucións, Rosa Salgueiro Rodríguez e Arturo Carrasco Iturra, ambos os dous enxeñeiros de Ireno Ingeniería y Energías Renovables, disertaron sobre a xeración de enerxía e almacenaxe enerxético nas industrias.
A última mesa levou por título Internacionalización de empresas. Nela, a directora territorial de comercio e ICEX en Galicia, Patricia Pérez Martínez, explicou detalladamente as axudas para a internacionalización de empresas e mercados exteriores.
Pola súa banda, a subdelegada do Goberno en Galicia, María Rivas, foi a encargada de pechar o acto. Durante a súa intervención, Rivas explicou que desde o Goberno se “está a traballar coas empresas man a man a través do Plan de Recuperación”. Neste sentido, apuntou que “8 de cada 10 euros mobilizados polo Plan de Recuperación en Galicia chegaron ás empresas para axudar a desenvolver, crecer, impulsar e traballar da man nunha Galicia mellor”.
A subdelegada do Goberno comentou que na provincia da Coruña “só o Kit Dixital beneficiou a máis de 15.900 compañías que percibiron 66 millóns de euros para avanzar a súa tecnificación”. A nivel galego, a cifra de pemes beneficiadas por estes apoios foi de 45.000. Rivas lembrou que Kit Dixital é o programa pioneiro de Red.es de bonos para a adquisición de servizos dixitais, que puxo en marcha o Goberno de España con axudas a fondo perdido para apoiar e asesorar na transformación dixital de pemes e persoas autónomas, financiadas con fondos europeos.
O programa Kit Dixital, dotado con 3.000 millóns de euros, impactou en empresas instaladas no 92% dos concellos españois.