A IA e a impresión 3D permitirán crear medicamentos personalizados en hospitais

luns, 13 de outubro do 2025 Redacción

O pasado sábado no marco da XGN Intermax AI Edition, Álvaro Goyanes, profesor da Facultade de Farmacia da USC e cofundador de Fabrx e FabRx AI, impartiu unha conferencia na que salientou que a combinación da intelixencia artificial e a impresión 3D está a revolucionar o desenvolvemento farmacéutico e permitirá fabricar tratamentos personalizados directamente nos hospitais.
O investigador, considerado unha referencia internacional neste ámbito, expuxo que a impresión 3D «permite fabricar tratamentos adaptados ás necesidades de cada paciente, tanto en dose como en composición, forma ou liberación do fármaco». Con esta tecnoloxía, engadiu, «no canto de producir millóns de comprimidos idénticos nunha fábrica, podemos imprimir medicamentos á carta en hospitais ou farmacias, axustando a cantidade exacta de principio activo ou combinando varios nun só medicamento». Isto, sinalou, «mellora a eficacia, a seguridade e a adherencia ao tratamento, especialmente en poboacións vulnerables como nenos, persoas maiores ou pacientes con enfermidades raras».
No proceso de desenvolvemento destes medicamentos especializados, a intelixencia artificial comeza a desempeñar un papel fundamental. Como explicou Goyanes, en FabRx AI emprégana para «predicir a dose óptima que necesita cada paciente, optimizar as formulacións, prever a estabilidade dos fármacos e seleccionar os parámetros de impresión máis axeitados». No futuro, indicou, «a IA permitirá que os sistemas de impresión 3D axusten automaticamente a composición e a dose do medicamento en función dos datos clínicos do paciente, por exemplo, a súa idade, peso, xenética ou resposta ao tratamento, avanzando cara unha fabricación totalmente automatizada e conectada».
No tocante ao impacto desta revolución tecnolóxica, o experto destacou que «supón un cambio de paradigma», xa que «durante máis dun século a industria farmacéutica estivo centrada na produción masiva de medicamentos estandarizados» e a impresión 3D permite «pasar a unha medicina verdadeiramente personalizada e descentralizada, onde o paciente está no centro do proceso». Isto, engadiu, «pode mellorar os resultados clínicos, reducir efectos secundarios e optimizar o uso de recursos sanitarios» e, a longo prazo, «transformará a maneira en que concibimos a fabricación, distribución e prescrición de medicamentos».
Durante a súa conferencia, Goyanes tamén amosou exemplos prácticos dos proxectos que desenvolve en Fabrx, demostrando que esta combinación de intelixencia artificial e impresión 3D «non é ciencia ficción, xa está aquí». Así, explicou que en FabRx crearon a primeira impresora 3D con certificación GMP para uso farmacéutico, M3diMaker, e que as súas Pharma-inks (tintas farmacéuticas) xa se empregan en investigación e produción de medicamentos en distintos países. O obxectivo, destacou, é que «nun futuro próximo, cada hospital poida fabricar tratamentos personalizados baixo demanda, achegando a innovación directamente ao paciente».