A IA e a robótica subacuática, chaves para a xestión e sustentabilidade do ourizo de mar

luns, 29 de xuño do 2026 Redacción

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, mantivo unha xuntanza de traballo cos responsables do proxecto tecnolóxico Perizia (coordinado polo Instituto de Investigacións Mariñas, IIM-CSIC, e a Federación Nacional de Confrarías de Pescadores) para avanzar na aplicación práctica de robots submarinos intelixentes ao control e avaliación das poboacións de ourizo (Paracentrotus lividus) nas zonas produtivas galegas.
Esta iniciativa desenvolveuse no marco do programa Pleamar (convocatoria de 2023) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, co apoio da Fundación Biodiversidade e a cofinanciación da Unión Europea a través do FEMPA. A colaboración co Goberno galego centrarase na integración do coñecemento e da experiencia acumulada polas asistencias técnicas das confrarías e polos biólogos de zona da Consellería do Mar na aplicación operativa desta tecnoloxía avanzada. Esta folla de ruta aliñase coa estratexia da Xunta de reforzar o papel da innovación e da evidencia científica na xestión dos recursos marisqueiros para avanzar cara á sustentabilidade do sector.
O proxecto adaptou o vehículo submarino operado remotamente (ROV) OURI1, equipado con cámaras 4K de alta resolución, ópticas esféricas de 360 graos e un sistema de iluminación LED optimizado para as augas batidas das rías galegas. Mediante algoritmos de intelixencia artificial baseados en redes neuronais de aprendizaxe profunda (YOLO), o robot procesa as imaxes subacuáticas e sincronízaas cos datos recollidos por sensores de posicionamento acústico Doppler (DVL).
Este proceso automatizado permite transformar as gravacións do fondo mariño en estimacións cuantitativas de densidade (ourizos por metro cadrado). O emprego desta tecnoloxía supón un importante avance respecto ás mostraxes manuais tradicionais, ao reducir o esforzo humano e proporcionar unha cobertura espacial máis ampla, obxectiva e reproducible, ademais de xerar información portable en formato GeoPackage para sistemas de información xeográfica (QGIS). Grazas a estes datos de precisión, os biólogos e as confrarías poderán identificar as zonas con maior abundancia, optimizar o esforzo extractivo, establecer vedas máis axustadas á realidade biolóxica e deseñar estratexias de repoboación con maiores garantías de éxito.

Un recurso estratéxico cun alto valor de mercado

O ourizo de mar consolidouse como un dos recursos específicos de maior valor nas lonxas galegas, cun aproveitamento regulado a través de plans de xestión. O interese comercial deste equinodermo experimentou un forte crecemento na última década, ao pasar dun prezo medio de 3,3 euros por quilogramo en 2014 a superar os 13 euros por quilogramo en 2025. Ademais, debido aos temporais e á escaseza de capturas durante as primeiras semanas de 2026, a súa cotización chegou puntualmente a superar os 23 euros por quilogramo en lonxas como a de Ribeira.
Ante a especial vulnerabilidade biolóxica do ourizo fronte á presión extractiva, a Xunta reafirma o seu compromiso coa conservación deste recurso mediante a combinación do coñecemento tradicional do sector e os últimos avances científicos. A validación práctica do robot Perizia abre a porta á súa integración na nova fase do proxecto (Perizia+), co obxectivo de consolidar o uso destas ferramentas de intelixencia artificial nos protocolos de seguimento e xestión adaptativa do litoral galego ata agosto de 2027.