A IA e as grandes revolucións da historia centran unhas xornadas en Marín

mércores, 27 de novembro do 2024 S. P.

Esta semana celébranse na Biblioteca Municipal Vidal Pazos de Marín, organizadas polo Concello, as Xornadas Blanco Freijeiro 2024, cuxos fíos temáticos principais son a Intelixencia Artificial e as grandes transformacións tecnolóxicas da historia. As sesións desenvólvense durante toda a semana, até o domingo 1 de decembro.
Como dixemos, as xornadas poñen o foco na Intelixencia Artificial, aínda non tanto na vertente tecnolóxica senón no gran cambio que se prevé vai xerar nas nosas vidas, na humanidade, e “que vai a deparar un futuro difícil de prever hoxe en día”, informou o Concello, engadindo que de xeito complementario estase a botar luz, nos diferentes relatorios, nas transformacións que xa se teñen producido na historia de Occidente, e que foron determinantes na xénese da sociedade actual.
O luns 25 foi a xornada de presentación das xornadas, coa inauguración do ciclo por parte da concelleira de Patrimonio. O martes 26 falouse de A chegada da escritura á Galicia castrexa: a revolución cultural da intelixencia romana, coa profesora titular de Historia Antiga da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Ana María Suárez Piñeiro.
Este mércores 27 achegarase o relatorio Un xiro definitivo: a produción de alimentos, da man doo catedrático de Prehistoria da USC Ramón Fábregas Valcarcel.
O xoves 28 a charla versará sobre A grande e a pequena manobra: a Revolución Industrial de Lancashire a Marín, da man do catedrático emérito de Historia e Institucións Económicas da USC, Xoán Carmona Badía.
Finalmente, o venres 29 pechará o ciclo a conferencia da Intelixencia Artificial: un salto de fe ou o seguinte gran salto histórico?, coa profesora titular do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da Universidade da Coruña, Laura M. Castro Souto.
Ás 21.00 horas, a alcaldesa, María Ramallo, clausurará as xornadas e entregará os diplomas de asistencia. O domingo 1 organizarase entre as persoas asistentes unha visita ao Museo das Salgadeiras de Moreiras, no Grove.