A IA e o Big Data marcarán o rumbo da saúde pública galega en materia preditiva
xoves, 15 de xuño do 2023
A
directora xeral de Saúde Publica, Carmen
Durán Parrondo, compareceu na tarde deste xoves 15 de xuño no
Parlamento de Galicia, na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social
e Emprego. Na súa intervención, salientou o papel protagonista
que están a ter a Intelixencia Artificial e o Big Data (a
análise da información a gran escala) na estratexia de
dixitalización da Saúde Publica en Galicia. Durán Parrondo
explicou algunhas das liñas de traballo nas que xa está a avanzar o
departamento que dirixe, e nas que “o emprego das novas tecnoloxías
terán un papel moi relevante”, dixo, xa que marcarán o rumbo da
estratexia preditiva da saúde pública.
Apuntou
que no eido da Intelixencia Artificial estanse a incorporar técnicas
de aprendizaxe máquina (maching learning) e aprendizaxe
profunda (deep learning) co ánimo de optimizar os
diagnósticos dos cribados de cancro de mamá e colon. Tamén avanzou
que xa se iniciaron dous proxectos vencellados aos cribados dos
cancro de pulmón e de próstata, nos que, “por medio do emprego de
algoritmos procurarase estratificar o risco que posúen os pacientes,
para poder priorizar a realización de cribados mediante a
información que se desprende destes datos”.
O
obxectivo da Dirección Xeral neste proceso de dixitalización, dixo,
“non é simplemente dispor dun rexistro ou dun sistema de
información, senón ir un paso máis alá”, destacando que a Xunta
“pretende avanzar nun modelo que ademais de contar o que xa ocorreu
tamén advirta que é o que vai acontecer”.
Durán
tamén adiantou que a Consellería de Sanidade empregará o Big
Data nunha nova liña de traballo que pretende “establecer
patróns que axuden tanto á vixilancia epidemiolóxica, como á
identificación de factores que predispoñan a padecer unha
enfermidade”.
Plataforma
Sanidade Mediaverso
Amais,
remarcou que a finais deste ano estará rematada a Plataforma
Sanidade Mediaverso, un proxecto de contidos dixitais
multitecnolóxicos que, inserido nos programas Obesidade Zero e
Inspira Saúde, agrupará contidos relacionados cos estilos de vida
saudábel. A plataforma, explicou, incorporará planificacións para
levar a cabo unha alimentación equilibrada ou xogos de
RealidadeAaumentada que promoveran o exercicio físico entre nenos e
maiores. Entre estes últimos, destaca un aplicativo que permitirá
trasladar os pasos diarios de cada usuario ás etapas do Camiño de
Santiago (achegando información sobre os destinos que vaia
acadando); e tamén unha aplicación a través de lentes de Realidade
Virtual nas que as persoas maiores aprenderán a desenvolver un
programa de actividade física multicompoñente, para a prevención
da fraxilidade. Así mesmo, engadiu, Sanidade Metaverso completarase
con contidos vencellados a hixiene do sono, o benestar emocional ou
prevención de condutas aditivas entre a poboación moza.
Por
outra banda, enxalzou o carácter senlleiro da Plataforma de
Vixilancia Epidemiolóxica VIXIA (que agrupa a información relevante
en canto a vixilancia dos servizos de microbioloxía clínica,
medicina preventiva, centros socio-sanitarios e xefaturas
territoriais); os sistemas de inspección de Saúde Pública, no que
Galicia segue sendo pioneira, como o SEMAGA (sobre o control oficial
en matadoiros), ou o HERME-MÓBIL (a ferramenta de inspección do
sector alimentario e da sanidade ambiental).
Por
último, destacou o desenvolvemento do Observatorio de Saúde Pública
de Galicia, no que se realiza un investimento de máis de 700.000
euros, e “que avala a aposta decidida da Xunta de Galicia pola
dixitalización, a comunicación coa cidadanía e a transparencia e
que estará dispoñíbel a finais deste mesmo ano”. O Observatorio,
apuntou, “é un instrumento que mediante información en Open
Data, permite xerar, analizar, reunir, organizar e comunicar
información relevante e de calidade no ámbito da saúde pública
galega, co obxectivo de proporcionar información baseada na
evidencia científica, e poñela ao dispor dos profesionais da saúde,
investigadores, así como da sociedade en xeral”.