A IA e o sector dos chips fotónicos atraen investimentos estatais

xoves, 25 de xuño do 2026 Redacción

O Consello de Ministros autorizou unha contribución voluntaria de 300 millóns de euros á Empresa Común Europea de Informática de Alto Rendemento (EuroHPC), organismo encargado de operar as factorías de IA e de impulsar a creación e o acceso ás futuras xigafactorías de intelixencia artificial na Unión Europea.
O ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, explicou que a Comisión Europea decidiu reforzar a autonomía tecnolóxica do continente en materia de supercomputación para reducir a dependencia de terceiros países. Con ese obxectivo, Europa aposta pola construción de gigafactorías e polo desenvolvemento da produción de chips e semicondutores.
Ademais, lembrou que o Goberno aprobou a pasada semana un investimento próximo aos 720 millóns de euros para crear un consorcio público-privado, xunto con compañías líderes do sector, que competirá por albergar unha das primeiras xigafactorías europeas. A achega de 300 millóns aprobada agora constitúe un requisito imprescindible para presentar esa candidatura.
Segundo sinalou o ministro, estas infraestruturas permitirán que non só a comunidade científica ou as administracións públicas accedan á capacidade de supercomputación necesaria para desenvolver sistemas de intelixencia artificial, senón tamén as pequenas e medianas empresas. Ao seu xuízo, isto contribuirá a democratizar o acceso a estas tecnoloxías.
España conta xa con dúas factorías de IA impulsadas a través de EuroHPC: unha no Barcelona Supercomputing Center e outra no GESCA. López asegurou que a instalación dunha gigafactoría no país suporía un avance decisivo para consolidar o liderado español en capacidades de supercomputación dentro de Europa.

Investimento de 107 millóns de euros en Multiverse Computing

O Goberno tamén autorizou ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública a participar no capital da empresa española de intelixencia artificial e software de computación cuántica Multiverse Computing, mediante un investimento público de 107 millóns de euros.
O ministro destacou que se trata dunha compañía referente a nivel mundial na compresión de modelos de linguaxe de intelixencia artificial, unha tecnoloxía que permite reducir entre un 70 % e un 80 % o consumo enerxético, un aspecto especialmente relevante tendo en conta as necesidades dos centros de datos.

Investimento de 24,5 millóns no proxecto Attypics

O Executivo autorizou igualmente un investimento de 24,5 millóns de euros na empresa valenciana de chips fotónicos Attypics Photonics.
López subliñou que a compañía naceu no ámbito da Universitat Politècnica de València e forma parte do ecosistema industrial vinculado á fotónica que se está a desenvolver na cidade valenciana.