A IA e os seus retos centran o II Encontro de Equipos TIC das comunidades autónomas
martes, 16 de xuño do 2026
A intelixencia artificial, a súa gobernanza e o seu impacto nas organizacións públicas foron os eixos centrais do II Encontro de Equipos TIC das comunidades autónomas, celebrado este martes en Madrid no marco do Foro de Dixitalización das Comunidades Autónomas.
A Xunta de Galicia participou a través do director da AMTEGA, Damián Rey, acompañado por responsables da Xerencia e das áreas de Administración Dixital, Infraestruturas e Seguridade, Solucións Tecnolóxicas Sectoriais, Transformación Dixital da Facenda Pública e da Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación.
Ao longo da xornada abordáronse cuestións estratéxicas relacionadas coa aplicación da IA na Administración pública, os riscos asociados ao seu uso e as vías de cooperación entre comunidades autónomas. Tamén se analizaron os modelos de gobernanza desta tecnoloxía e a súa incidencia na organización do traballo e na xestión do talento.
O programa desenvolveuse a través de distintas mesas de traballo especializadas nas que se trataron aspectos como o uso da IA nos postos de traballo, a súa incorporación aos procesos de desenvolvemento e operacións e as súas aplicacións no ámbito sanitario. Ademais, debatéronse os desafíos que a intelixencia artificial formula en materia de ciberseguridade e a protección dos propios sistemas baseados nesta tecnoloxía.
A xornada concluíu cun plenario no que se compartiron as principais conclusións extraídas das mesas de traballo. Nel destacáronse os retos e oportunidades asociados á integración da intelixencia artificial nas administracións públicas, así como a importancia de seguir fortalecendo a colaboración entre territorios.
