A IA facilitará o traballo das oficinas de emprego galegas

venres, 3 de novembro do 2023 Redacción

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá en Pontevedra no acto de presentación de EMi, a nova ferramenta tecnolóxica que se está a implantar nas oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia. Alí, puxo de relevo que este software (que tamén se está a probar nas oficinas de emprego de Cambados e Ordes) permite sincronizar oferta e demanda en tempo real grazas á intelixencia artificial e á analítica avanzada, dotando ao Servizo dos recursos necesarios para que as empresas poidan localizar o mellor talento ao tempo que persoas que recorren a el conseguen avanzar e consolidar a súa traxectoria profesional.
Así, a través desta nova ferramenta trátase de identificar as necesidades do mercado de traballo en tempo real e de adaptar a formación e os itinerarios formativos a ditas necesidades, axustando de xeito áxil e de maneira máis efectiva os perfís coas candidaturas. En concreto, emprégase a business intelligence, o big data e a intelixencia artificial para optimizar os procesos de formación e colocación co gallo de xerar máis e mellor emprego en Galicia.
Entre outras funcionalidades, o sistema conta cun navegador competencial, cun emulador de ocupacións e cun recomendador de formacións, co propósito final de brindar aos usuarios unha atención áxil, personalizada e efectiva cun perfilado e titorización individualizados, con base nas necesidades reais das empresas.
A conselleira destacou que a modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia seguirá a ser unha prioridade para a Xunta, con 8,5 millóns de euros de investimento en 2024. Deles, 1,3 millóns destinaranse a consolidar a ferramenta EMi, avanzando na intelixencia artificial e na aprendizaxe automática para a xestión das políticas activas de emprego.

PUBLICIDADE