A IA, peza clave dos proxectos que van á aceleración e á consolidación da VII BFFood
martes, 23 de setembro do 2025
A iniciativa Business Factory Food (BFFood), a aceleradora de referencia do sector alimentario galego impulsada pola Xunta de Galicia a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e Xesgalicia, e coordinada polo Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA), seleccionou os proxectos que participarán nas fases de aceleración e consolidación da súa VII edición: 16 proxectos innovadores para revolucionar, dende a nosa terra, o sector da alimentación.
Tras a celebración do Pitch Day o pasado 19 de setembro no auditorio da FEUGA, o comité de avaliación escolleu un total de 16 proxectos emprendedores: dez deles incorporaranse á fase de aceleración e seis á de consolidación. Ambas etapas terán unha duración de nove meses.
Mentoring, formación e financiamento para startups do sector
As novas firmas innovadoras seleccionadas para a fase de aceleración recibirán un apoio integral e especializado para que consigan validar o seu produto ou servizo mínimo viable e definir o seu modelo de negocio. Para iso, contarán con acceso a mentoring de destacadas empresas tractoras do sector alimentario galego, tales como CLUN, CONGALSA, Nueva Pescanova, Vegalsa-Eroski ou Viña Costeira, entre outras.
Ademais, recibirán formacións específicas, asesoramento estratéxico e acceso preferente a servizos, infraestruturas e medios técnicos, ferramentas que lles permitirán impulsar as súas propostas innovadoras e dar resposta aos principais retos estratéxicos do sector: dixitalización e automatización, rastrexabilidade, loxística, sustentabilidade, desenvolvemento de novos produtos e innovación de procesos.
Pola súa banda, os seis proxectos seleccionados para a fase de consolidación recibirán un amplo programa personalizado de formación e adestramento e centrado en avanzar cara unha maior comercialización e exportación. Tamén contarán co apoio e orientación de empresas tractoras ao longo do seu itinerario na BFFood.
En canto ao financiamento, os proxectos da fase de aceleración recibirán unha axuda de 25.000€ a fondo perdido a través do IGAPE, así como a un préstamo participativo de XesGalicia, con opción de capitalización de ata 50.000€. De xeito similar, os proxectos na fase de consolidación tamén poderán acceder a un préstamo participativo de XesGalicia, que pode incluír unha opción de capitalización de ata 250.000€.
Proxectos seleccionados para a fase de aceleración
-Agro4Data. Unha plataforma tecnolóxica que proporciona predicións agrícolas personalizadas a través da Intelixencia Artificial. Sen necesidade de hardware propietario, permite anticipar riscos como xeadas, pragas ou desequilibrios hídricos, axudando a optimizar cultivos e decisións agronómicas.
-Fishnet Expo. primeira canle en liña para comercializar produtos pesqueiros conxelados, que transforma excedentes en oportunidades de negocio para un club exclusivo de comercializadores especializados. A través de ferramentas dixitais, conecta empresas do sector con transparencia, información fiable e respecto polos tempos de negociación.
-InnoCosta. Aposta pola posta en valor do peixe costeiro de Galicia mediante a liofilización. Esta técnica conserva as súas propiedades sen aditivos nin necesidade de refrixeración, facilitando a súa venda en mercados gourmet e saudables, mesmo en destinos con barreiras loxísticas.
-Lévedo: Proxecto para a produción de masa nai líquida e deshidratada elaborada con ingredientes galegos como castañas e uvas. Combina a panadería tradicional coa innovación tecnolóxica mediante un proceso de secado ao baleiro que conserva a súa actividade fermentativa.
-NPK&GAL (FLOC Ammonia Solutions). Tecnoloxía para recuperar nutrientes (nitróxeno, fósforo e potasio) de augas residuais gandeiras e transformalos en fertilizantes recuperables. Axuda a reducir a contaminación por nitratos e xerar ingresos adicionais para as explotacións agrícolas e gandeiras.
-Optimuu Nutrición: Plataforma baseada en IA para a optimización preditiva da alimentación en granxas leiteiras. Recolle e interpreta datos de campo para mellorar a eficiencia alimentaria, reducir os residuos e promover o benestar animal.
-Rumbo Norte. Unha marca de conservas galega que incorpora a tecnoloxía QR para conectar cada produto coa súa orixe, receitas, contido audiovisual e experiencias turísticas. A súa oferta combina tradición, dixitalización e promoción rexional nun único modelo de negocio.
-Tola. Unha nova bebida enerxética galega que combina funcionalidade e sustentabilidade. Emprega ingredientes naturais como auga de manancial, extractos de froitas e soro de leite de Galicia para crear unha alternativa saudable sen azucres engadidos nin aditivos, pensada para un público novo e consumidor.
-Troo4Food (Binarial Automatización). Desenvolvemento dun robot móbil accesible e adaptado á contorna dunha fábrica de alimentos. Estará deseñado para operar en espazos estreitos e húmidos, empregando materiais duradeiros e rodas especiais, mellorando así a loxística interna e reducindo os riscos operativos.
-Untables Vanetta. Unha liña de cremas para untar 100 % vexetais cun alto contido en proteínas e unha longa vida útil sen refrixeración. Reinventa clásicos como a sobrasada e o pata con ingredientes naturais, texturas cremosas e sabores intensos, deseñadas para un consumo flexible e saudable.
Proxectos seleccionados para a fase de consolidación
-Ainwater. Desenvolvemento dun software SaaS baseado en IA que optimiza e monitoriza en tempo real as plantas de tratamento e produción de auga. A solución integra datos históricos e en liña mediante modelos híbridos que combinan IA, enxeñaría de procesos e ciencia de datos, sen necesidade de retrofit.
-Agrikola. Alternativa innovadora aos funxicidas químicos mediante robots autónomos equipados con proxectores UVC patentados, capaces de eliminar fungos sen xerar residuos. O sistema xestiónase a través da nube, permitindo programar ou executar en remoto os tratamentos, que requiren precisión en doses, frecuencia e aplicación nocturna.
-BrainR. Primeiro software MES nativo na nube deseñado especificamente para a industria alimentaria. Dixitaliza e conecta en tempo real todos os procesos de planta —desde a entrada de materias primas ata a expedición do produto final— integrando máquinas, persoas, sensores IoT e ERPs. Garante rastrexabilidade absoluta, cumprimento normativo e redución de erros, desperdicios e uso de papel.
-FreeShakes. Bebidas vexetais fermentadas cun 93% menos de frutosa e un 70% menos de azucres totais respecto a zumes tradicionais, mantendo sabor, textura e valor nutricional. Grazas a unha tecnoloxía propia de fermentación e reaccións encimáticas, ofrece produtos naturais, sen edulcorantes artificiais e con beneficios probióticos.
-Masel. Plataforma de xestión para hostalería que transforma datos en accións rendibles e
sostibles. Reduce minguas mediante a rastrexabilidade e carta dinámica, xestiona reservas fantasma cobrando automaticamente a clientes e optimiza a planificación do persoal calculando o punto morto por hora.
-Postres. Mareterra propón unha liña innovadora de sobremesas en conserva sen glute, sen aditivos nin conservantes, elaboradas con materias primas de calidade. A diferenza das sobremesas tradicionais refrixeradas ou conxeladas, estes produtos teñen unha vida útil de ata 4 anos en tarro de cristal, reducindo custes de transporte, almacenamento e distribución.
Coa selección destas 16 startups, BFFood consolídase como unha plataforma clave para a transformación do sector alimentario galego, apostando por proxectos que melloren a innovación, a competitividade, a sustentabilidade e a internacionalización do sector alimentario galego.
