A IA será a gran protagonista do Plan de Formación 2025 da EGAP

xoves, 26 de decembro do 2024 S. P.

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) convocará ao longo de 2025 un total de 698 cursos, 42.340 prazas e 123 novidades formativas dirixidas exclusivamente ao persoal empregado público galego. Así o adiantou na mañá deste 27 de decembro a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, durante a sesión do consello reitor do organismo, presidido polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos.
Segundo avanzou moitas destas actividades estarán centradas nas diferentes facetas da transformación do sistema público sendo a Intelixencia Artificial unha das grandes protagonistas do temario (facendo fincapé no deseño, na adquisición e máis na posta en marcha de sistemas de IA nas administracións públicas).
A axenda, dixo, “inclúe contidos estratéxicos e de máxima actualidade na procura da mellora das competencias das empregadas e empregados públicos e, polo tanto, da modernización das Administracións públicas de Galicia”.
Nun plano máis detallado, contémplase o reforzo e actualización da formación relativa á área de comunicación, organización do traballo e mellora das habilidades dos empregados públicos con novas actividades formativas relacionadas coa xestión intelixente das redes sociais nas Administracións públicas, a autoxestión emocional e saúde mental no traballo e a diversidade funcional e a atención inclusiva.
Na área das novas tecnoloxías e Administración Electrónica actualizarase máis do 55% dos contidos da formación específica e ofertarase un programa de actividades completo que abordará temas como as ferramentas de análise de datos ou as notificacións no sistema de información tributaria Xeito, ou, como dixemos, a IA. Ademais, convocaranse seis novas actividades correspondentes ao nivel intermedio da Certificación galega en Competencias Dixitais (ComDix) e 750 prazas en probas de acceso libre para a obtención directa da certificación ComDix iniciación.
No que respecta ás modalidades formativas, o plan reforza a aposta da EGAP polo emprego de diferentes contornas de aprendizaxe e as metodoloxías de ensino baseadas no uso de medios telemáticos (teleformación, telepresenza e autoformación), sen descoidar a docencia persoal. O plan recolle un programa de autoformación accesible a todos os colectivos do persoal empregado público, no que se ofertarán 15.400 prazas e 77 cursos, e se incorporarán novidades en materias como o marco lexislativo sobre os dereitos das persoas con discapacidade, a regulación da IA e a reutilización da información no sector público.
Estas actividades están dirixidas en exclusiva ao persoal ao servizo das administracións territoriais, institucionais e entes públicos instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma, así como ao persoal da Administración de xustiza de Galicia e de administracións e servizos (PAS) das tres universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG).
Cursos superiores, xornadas, webinarios e foros de debate
Durante a reunión, Sonia Rodríguez-Campos tamén anunciou a continuidade das xornadas de formación práctica dixital (e-martes) e dos cursos superiores de Administración electrónica, protección de datos e ciberseguridade e, como novidade, incorporarase un curso superior sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
Ademais, a Escola convocará un foro de debate sobre innovación e competitividade nos sectores público e privado, unha xornada en materia de prevención da violencia de xénero e novos webinarios nos que se tratarán asuntos como a ordenación do sector eólico e as súas implicacións ambientais e económicas, a Intelixencia Artificial e control das Administracións públicas, o colapso na Administración en España, a motivación e prestixio no servizo público, a Lei de reforma e sustentabilidade da Administración local ou a captación do talento no emprego público.
No 2025 tamén se impartirán novamente os tres cursos monográficos sobre planificación estratéxica, a Lei 40/2015 e o exercicio da competencia administrativa e a contratación pública.