A IA será un dos eixos do II Fórum do Peixe e de Produtos do Mar

venres, 20 de xuño do 2025 S. P.

O vindeiro 3 de xullo, a Sede Afundación de Vigo reunirá aos principais actores do sector no Fórum do Peixe e de Produtos do Mar 2025. Terá formato de xornada técnica e estará organizada pola revista TecnoSEAFOOD de Interempresas Media co impulso de Abanca. Nesta 2ª edición porase o foco n a innovación tecnolóxica e as novas estratexias de venda. O programa abordará o potencial de ferramentas como a Intelixencia Artificial, a cadea de bloques (blockchain) ou as altas presións para mellorar a competitividade, así como claves para optimizar a eficiencia ao longo de toda a cadea de valor.
Unha xornada dividida en 3 bloques: vendas, tecnoloxía e liderado
O programa do II Fórum do Peixe e Produtos do Mar ideouse seguindo o ronsel do lema do evento: Do desafío á oportunidade: como impulsar a eficiencia e as vendas dun sector resiliente. Para iso, deseñáronse tres bloques temáticos claramente diferenciados e protagonizados por destacados profesionais da industria alimentaria e, especialmente, da industria do peixe: impulso ao consumo, innovación tecnolóxica e liderado empresarial.
O primeiro bloque, O reto de aumentar as vendas e o consumo, abrirá o programa cunha visión global sobre a situación actual do mercado. Mª Luisa Álvarez, directora xeneral de FEDEPESCA, analizará a evolución do consumo de produtos pesqueiros en España, subliñando as claves para mellorar o seu posicionamento no punto de venda.
A continuación, Sofía Roca, coordinadora da área de Novos Alimentos de Azti, achegará datos recentes sobre as percepcións do consumidor, destacando as tendencias que marcan o comportamento de compra e os factores que condicionan a elección de produtos do mar.
O bloque pecharase coa intervención de María Martínez-Herrera, directora de sustentabilidade de Asedas, que ofrecerá a perspectiva do canle distribución e detallará que esperan hoxe os supermercados e grandes cadeas das empresas produtoras en termos de eficiencia, rastrexabilidade e adaptación á demanda.
Tras unha pausa para café e para o networking, o segundo bloque, centrado en Innovación e tecnoloxía para mellorar a eficiencia, abordará os avances máis recentes en procesos industriais e xestión sostible. María José Chapela Garrido, responsable de Desenvolvemento de Negocio I+D+i en ANFACO-CECOPESCA, presentará diversas solucións tecnolóxicas orientadas a aumentar o valor engadido dos produtos do mar, con especial atención ás altas presións e outras tecnoloxías de conservación.
Tras ela, a responsable comercial de Procesado por Altas Presións (HPP) de Hiperbaric, Marta Onrubia, mostrará exemplos de empresas que usan esta tecnoloxía e presentará a gran variedade de produtos que poden beneficiarse das altas presións. Ademais, explicará a ciencia que hai detrás dos múltiples beneficios desta innovación para o sector pesqueiro.
Máis tarde, Pablo Pita, investigador do CICA (Universidade da Coruña), profundará nas aplicacións da Intelixencia Artificial para a xestión pesqueira, expoñendo o caso concreto da Reserva Mariña dos Miñarzos como exemplo de como a dixitalización pode mellorar a sustentabilidade e o rendemento da actividade extractiva.
O Fórum pechará co bloque final, O desafío do liderado, a través dunha mesa redonda sobre a captación de talento na industria. Moderada por Javier Fraga, director de Abanca Mar, contará coa participación de Teo Llanderas, responsable de RR HH en Pescapuerta, Elena Garrido, directora de RR HH na conserveira JEALSA, e Sofía Aché especialista en desenvolvemento do talento en Stolt Ser Farm. O debate porá sobre a mesa os retos aos que se enfrontan as empresas para atraer e reter talento executivo, así como a importancia da formación avanzada para afrontar os novos escenarios globais. Neste contexto, presentarase ademais o novo Executive Master in Seafood Management, unha iniciativa formativa impulsada por Abanca para profesionalizar a xestión na cadea de valor de produtos do mar.
O Fórum tamén dispoñerá dun espazo expositivo no que empresas especializadas en solucións para a industria auxiliar mostrarán os seus desenvolvementos máis recentes en equipos, servizos e tecnoloxías orientadas ao procesado de produtos do mar. Entre as firmas participantes figuran Foss, Hiperbaric, Lomatec, Trevo Group, Multivac e Grupo CIE, que darán a coñecer innovacións que abranguen desde ferramentas para optimizar a seguridade alimentaria, pasando por sistemas avanzados de análises ou solucións de envasado e rastrexabilidade.
Así mesmo, o apoio institucional de organizacións como ANFACO-CECOPESCA, FEDEPESCA, Azti, CLUSAGA, Conxemar e a Plataforma Tecnolóxica Española da Pesca e a Acuicultura (PTEPA) reforza o posicionamento do Fórum como “un evento de referencia para o sector”. A súa implicación contribúe a activar aos distintos elos da cadea de valor e a fomentar iniciativas con capacidade transformadora.
A inscrición é gratuíta e pode realizarse a través da web oficial.