A IA será unha das grandes protagonistas da 4ª edición de Ecosystems 2030, en outubro na Coruña
venres, 11 de xullo do 2025
O Congreso Ecosystems 2030, un dos eventos internacionais máis relevantes das novas tecnoloxías, volve á Coruña os días 3 e 4 de outubro, xuntando baixo un mesmo teito referentes mundiais en tecnoloxía, Intelixencia Artificial, medicina, creatividade, sustentabilidade, liderado e investimento.
A alcaldesa Inés Rey presentou os detalles do congreso os días pasados, salientando a consolidación de “Coruña como polo tecnolóxico”.
Ecosystems 2030, dixo a rexedora, “exemplifica o modelo de cidade que estamos a construír: unha cidade conectada co futuro, coa innovación e co coñecemento".
O congreso contará con máis de 50 relatoras e relatores de referencia internacional, entre eles representantes de Google, SAP, Mastercard, IKEA, HP, Logitech, Airbus, ONU, Stanford, Johnson & Johnson ou Ferrovial. As sesións estruturaranse en seis bloques temáticos: IA, saúde, liderado, sostibilidade, creatividade e investimento.
Entre os nomes destacados figuran V. R. Ferose (SAP), JoAnn Stonier (Mastercard), Sara Alami (IKEA), Carme Artigas (ONU), Guayente Sanmartin (HP), Saeed Aldhaheri (UNESCO), Pilar Manchón (Google), Carolina Aguilar (INBRAIN), e Amy Carle (artista de biofabricación e IA).
O presidente executivo de Ecosystmes 2030, Omar Hatamleh, destacou o potencial da Coruña como "espazo natural para liderar os grandes debates globais", e Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, quen salientou a importancia destas iniciativas en Galicia e aplaudiu o traballo da organización, tanto polo éxito de edicións anteriores como pola axenda desta nova edición e o seu carácter máis interactivo.
Por primeira vez, as sesións do congreso incluirán actividades accesibles ao público xeral e espazos de conexión directa entre persoas emprendedoras, empresas e institucións.
A previsión é “multiplicar por catro a asistencia respecto a edicións anteriores, o que reforza o impacto económico directo do evento na cidade”.
O sábado 4 de outubro desenvolverase unha xornada formativa de alto nivel con clases maxistrais certificadas internacionalmente. Participarán figuras como Noelia Amoedo (director executivo de Mediasmart), Michael Lewrick (experto en innovación en Deloitte), Javier Campos (CTO de Peach) e Nikki Eberhardt (profesora da Minerva University), cun enfoque práctico sobre liderado, transformación empresarial e IA aplicada ao desenvolvemento estratéxico.
"A Coruña está preparada para liderar os grandes debates do futuro porque temos talento, capacidade e unha estratexia clara que aposta pola innovación como motor de desenvolvemento", destacou a alcaldesa.
O Goberno municipal, a través da súa aposta pola captación de fondos europeos, a posta en marcha da AESIA, o desenvolvemento da Cidade das TIC e o impulso de proxectos como ALLOCATE, reafirma así a súa folla de ruta para consolidar A Coruña como capital galega da innovación e referente estatal en tecnoloxía.
