A IA será unha das temáticas clave da nova edición do foro Energy Days, en Santiago

luns, 15 de setembro do 2025 S. P.

A gran cita anual da enerxía regresa a Compostela. A Cidade da Cultura de Santiago acollerá do 8 ao 10 de outubro a segunda edición dos Energy Days, un foro de debate sobre enerxía, industria e dixitalización organizada polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (CLUERGAL). Está previsto que acudan máis de medio milleiro de profesionais, empresas e institucións de España que aproveitarán eses tres días para presentar os últimos avances en materia de transición enerxética. E tamén de IA aplicada á transición.
“Queremos que a cita se consolide punto de encontro estratéxico para quen lidera o cambio cara a un modelo enerxético máis sostible, apostando polo coñecemento, a innovación e a cooperación como piares fundamentais”, explica Oriol Sarmiento, xerente do Clúster, engadindo que o evento combinará relatorios de alto nivel cunha zona expositiva na que se darán a coñecer os últimos avances e aplicacións industriais en materia de eficiencia enerxética, autoconsumo, mantemento, enerxía eólica, sustentabilidade, mobilidade, comunidades enerxéticas, Intelixencia Artificial e dixitalización.
“Unha das novidades desta edición será a importancia das redes eléctricas e o almacenamento enerxético, pois sen eles non será posible a transición enerxética”, sinala Oriol Sarmiento, quen indica que “a integración de fontes renovables como a solar ou a eólica introduce variabilidade na xeración eléctrica, o que fai esencial contar con sistemas capaces de almacenar excedentes e liberalos cando a demanda o requira. E aquí Galicia ten unha gran oportunidade se se aposta por algúns proxectos moi interesantes como as centrais hidroeléctricas reversibles pois non haberá integración masiva de renovables sen unha infraestrutura eléctrica adecuada e sen capacidade de almacenamento enerxético”.
Ademais dos relatorios, do 8 ao 10 de outubro os Energy Days converterán o Edificio CINC da Cidade da Cultura nun amplo expositor das últimas novidades tecnolóxicas. “Unha contorna dinámica para o intercambio de coñecementos, experiencias e oportunidades de colaboración que ademais incluirá actividades de networking e sesións dinamizadoras para fomentar o contacto directo entre os distintos axentes do ecosistema enerxético galego e nacional”, sinala do xerente de CLUERGAL.
Os Energy Days 2025 configúranse ao redor de tres eixos temáticos, que serán desenvolvidos en cada unha das xornadas: industria, cidades e eólica. Así, durante a primeira xornada do mércores 8 de outubro debateranse cuestións como eficiencia enerxética na industria, enerxías renovables almacenamento enerxético ou transición enerxética. As sesións do xoves 9 de outubro virarán ao redor das cidades con sesións sobre sustentabilidade, a eficiencia enerxética en edificios, a mobilidade sostible e a dixitalización no sector enerxético, con especial enfoque cara a unha tecnoloxía clave como é a Intelixencia Artificial.
Os Energy Days de 2025 finalizarán o venres 10 de outubro cunha xornada monográfica dedicada á enerxía eólica.