A II edición das Olimpíadas de Teleco celébrase en abril e xa duplica o número de inscritos

venres, 26 de xaneiro do 2024 S. P.

O mes de abril acollerá a segunda edición das Olimpíadas Teleco, unha iniciativa que botaba a andar o curso pasado a nivel nacional da man de 20 escolas de enxeñería de telecomunicación de toda España -25 nesta edición- e do Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos de Telecomunicación. Máis en concreto, serán os días 25, 26 e 27 de abril cando teñan lugar estas Olimpíadas que desta volta duplican a participación con respecto da edición anterior, pois xa están inscritos 441estudantes de 20 centros de ensino secundario de toda Galicia.
Onte, xoves 25 de xaneiro a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca Díaz, presentaba en Vigo esta segunda edición das probas, un acto no que tamén se aproveitou para facer entrega de dous premios de 2000 euros, financiados polas empresas Optare Solutions e BorgWarner, aos dous estudantes cos mellores expedientes de entrada na EET no curso 2023/2024: Rocío Fernández Álvarez e Iván González García.
Engadir que dos máis de 400 estudantes inscritos, arredor de 120 participaron de xeito presencial na presentación, e outros tantos seguiron o acto en liña. Se o ano pasado o reto fora deseñar e desenvolver prototipos e solucións baseadas na enxeñaría de telecomunicación aliñadas co ODS 11 da Axenda 2030 referido ás cidades e comunidades sostíbeis, este ano terán que centrarse no ODS 3: saúde e benestar.
Emporiso, as actividades arrancaban onte coa xornada de presentación, máis adiante haberá dúas sesións formativas en liña e as competicións celebraranse o 25 de abril, na categoría destinada ao alumnado de Ensino Secundario Obrigatorio; 26 de abril, para Formación Profesional e Bacharelato por equipos, e 27 de abril para bacharelato individual, “unha proba que consiste nun único exame”, explicou no acto a directora da escola, quen tamén aproveitou para agradecer a “forte implicación” que teñen neste proxecto as catro empresas patrocinadoras, “pertencentes as catro a nosa rede de empresas colaboradoras conexiónTeleco”, subliñou Diaz, referíndose neste caso a Cátedra Indra, Cátedra R, BorgWarner e Televés.
Ao igual que na primeira edición, a Olimpíada Nacional de Teleco desenvolverase en dúas fases: unha local, xestionada pola EET da UVigo, e outra nacional, na que competirán os mellores proxectos (gañadores) das competicións locais. Os premios que se repartirán en Vigo serán de 400 euros para o equipo coa mellor solución técnica e outros 400 euros para o instituto ao que pertenza, 300 euros para o equipo que teña a proposta máis orixinal e 200 euros para o equipo coa proposta máis aliñada co ODS 3. No caso dos premios individuais, novidade deste ano, haberá un primeiro premio de 400 euros, un segundo de 300 e un terceiro de 200.

PUBLICIDADE